A Xunta ingresa antes de que remate o ano o complemento extraordinario a preto de 37.000 perceptores das pensións non contributivas

O Goberno galego destinará 8 millóns nesta axuda, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente

O vindeiro ano incrementarase esta axuda extraordinaria nun 5% tal e como consta no proxecto de lei de orzamentos para 2023

Tamén se adiantou unha semana o pagamento da Risga aos seus máis de 6.000 beneficiarios para que contasen con esta axuda antes do Nadal
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022.-

A Xunta de Galicia ingresará a partir deste luns o complemento extraordinario para os preto de 37.000 perceptores de pensións non contributivas da nosa Comunidade. Adiantou esta axuda destinada aos pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas perceptoras do fondo de asistencia social e ás persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

 

O Goberno galego inviste 8 millóns nesta achega, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente. O ingreso realizouse por oficio o a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos e ascende a 206 euros por persoa.

 

Galicia foi das poucas comunidades que mantivo de xeito ininterrompido durante os últimos anos este complemento, que non é obrigatorio, senón que son as propias comunidades autónomas as que deciden o seu mantemento.

 

Adianto na Risga

Así mesmo, a Administración autonómica tamén adiantou o ingreso da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) para antes do Nadal para que os seus máis de 6.000 beneficiarios puidesen contar coa axuda antes destas datas tan sinaladas.