Lorenzana pon en valor en Lugo os proxectos 'Malaikas' e 'Berrando ao Mundo' cos que Juan Soñador e Xunta apoian ás mulleres migrantes e á mocidade máis vulnerable

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolveu hoxe unha visita á sede da fundación, onde destacou o labor da entidade para crear contornas libres e seguras para as mulleres e a mocidade

Preto de 1.500 mulleres migrantes participaron no programa Malaikas desde o seu inicio, no ano 2018, co que se presta axuda e asesoramento para afrontar os proxectos de vida dentro do proceso migratorio

Berrando ao mundo traballa coa mocidade galega que se atopa en risco de exclusión social e pode estar exposta a situacións de violencia de xénero

Lugo, 27 de decembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor en Lugo o traballo que desenvolve a Fundación Juan Soñador, unha entidade que a Xunta apoia polo seu labor diario para facer realidade o dereito a unha vida digna dos colectivos máis vulnerables. Lorenzana centrouse en dous proxectos que desenvolve esta entidade co financiamento autonómico: Malaikas, dirixido ás mulleres migrantes; e Berrando ao Mundo, destinado á mocidade que se atopa en risco de exclusión social e pode estar exposta a situacións de violencia de xénero.

Malaikas é un espazo seguro para mulleres migrantes que está en marcha, ademais de en Lugo, en Vigo, Ourense e na Coruña para acabar co seu illamento, empoderándoas para afrontar os seus proxectos de vida dentro do proceso migratorio. A Administración autonómica apoia esta iniciativa desde o seu comezo, no ano 2018, con 155.000 euros.

O programa permitiu desde entón axudar a preto de 1.500 mulleres migrantes (276 este ano) chegadas de diversos países de orixe, de distintas culturas e relixións e con diferentes identidades sexuais. Do que se trata coa actuación é de proporcionarlles espazos de encontro e crear círculos entre elas “para que xuntas medren”, apuntou Lorenzana. Malaikas ofrece, ademais dun espazo de acollida diaria para informarse e utilizar medios tecnolóxicos, encontros formativos e obradoiros.

Berrando ao mundo, pola súa banda, é un programa de intervención dirixido á adolescencia e á mocidade galega que se atopa en risco de exclusión social e que pode estar exposta a situacións de violencia de xénero. Lorenzana sinalou que este ano participaron na iniciativa unhas 59 mozas e mozos de entre 13 e 18 anos residentes ou participantes en centros de protección á infancia da Coruña, Lugo e Vigo. O proxecto, que conta co apoio da Consellería desde 2019 con case 60.000 euros, ten como obxectivo impulsar a igualdade de xénero entre a mocidade en situación e/ou risco de exclusión social para fomentar unha capacidade de reflexión crítica, potenciando a autoestima ou sensibilizando sobre o uso positivo e responsable das TIC para previr condutas de ciberviolencia de xénero.

A conselleira de Igualdade indicou que os dous programas comparten un mesmo obxectivo que promove a Xunta: crear espazos onde as mulleres se sintan libres e seguras e onde a mocidade galega aprenda boas prácticas “para facer unha Galicia máis xusta”, rematou.

Imaxes relacionadas