A Xunta consolida a nova orientación da Mesa da Castaña cara ao impulso da calidade diferenciada e das variedades autóctonas

Outórgaselle un maior peso á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entidade que exerce as competencias en materia de indicacións xeográficas, para que poida dirixir máis claramente a súa actuación cara á produción e a comercialización


Galicia é líder nacional no sector da castaña, cunha produción anual que ten un impacto económico de 20 millóns de euros pagados aos produtores, o que xera un valor superior aos 50 M€ en comercialización unha vez transformado o produto
 

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu este mediodía unha nova xuntanza da Mesa da Castaña. A reunión, que tivo lugar no pazo de Quián, en Boqueixón, serviu para confirmar e consolidar os cambios recentemente introducidos pola Xunta na composición deste órgano consultivo e asesor, co fin de fomentar o produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e as variedades autóctonas.

 

Así, outórgaselle un maior peso na Mesa á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entidade que exerce as competencias en materia de indicacións xeográficas, para que poida dirixir máis claramente a súa actuación aos aspectos relacionados coa produción e a comercialización e, deste xeito, consolidar o sector como líder nacional.

 

O director da devandita Axencia lembrou que a produción anual do sector da castaña en Galicia ten un impacto económico a nivel autonómico de 20 millóns de euros pagados aos produtores, o que xera un valor superior aos 50 millóns de euros en comercialización unha vez transformado o produto.

 

Programa estratéxico

Ademais, José Luis Cabarcos puxo en valor o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, que contempla unha serie de intervencións coas que se busca alcanzar tres grandes obxectivos de aquí ao ano 2040. Por unha banda, preténdese recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación, marcando como meta chegar ata as 8.000 hectáreas de soutos recuperados ao final do período. E, pola outra banda, o plan persegue plantar outras 16.000 hectáreas máis para a produción de madeira -por un lado- e de froito -por outro- no horizonte do 2040, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.

 

Nesta liña, o director tamén salientou o traballo que se está a realizar no Centro de Investigación Forestal de Lourizán en prol do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, no sentido de actualizar a súa liña de investigación de castiñeiro con técnicas de cultivo in vitro. A maiores, Cabarcos lembrou que a Consellería do Medio Rural está a ultimar tamén unha liña de axudas que debe converterse nun motor de cambio para a modernización do sector e o impulso definitivo da IXP Castaña de Galicia.

Imaxes relacionadas
Consumo
Departamento: C. do Medio Rural