A Xunta pon en marcha no CHUAC unha nova unidade de ensaios clínicos que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos

Na actualidade, o servizo de Oncoloxía Médica do Chuac conta con máis de 160 ensaios clínicos activos

Investigadores coruñeses colaboran co Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas nun proxecto europeo de medicina personalizada para cancros específicos da muller

Galicia logrou en 2022 completar a acreditación dos seus tres institutos de investigación sanitaria, que a partir do próximo ano pasarán a integrarse no sector público autonómico

A Coruña, 27 de decembro de 2022.-

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o hospital universitario da Coruña, con motivo da posta en marcha no Chuac dunha nova unidade de ensaios clínicos, que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos. “Esta unidade representa un punto de inflexión no marco da investigación sanitaria”, -dixo o conselleiro-, quen, ademais, agradeceu o traballo e o esforzo de cada un dos implicados na súa posta en marcha.

 

No acto, que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, así como do xerente da área sanitaria, Luis Verde, o responsable da carteira sanitaria da Xunta agradeceu especialmente o traballo do servizo de Oncoloxía Médica do hospital coruñés, “pola súa ampla experiencia no desenvolvemento de estudos clínicos”. Ao respecto sinalou que “contan con máis de 160 ensaios clínicos activos”, que amplían a información dispoñible en terapias dirixidas ou inmunoterapia en distintos tumores sólidos, ademais de achegar coñecemento sobre novos mecanismos de resistencia primaria adquirida.

 

Tamén destacou Comesaña, a participación no desenvolvemento de proxectos desenvolvidos polo propio servizo, grupos cooperativos nacionais e internacionais e a industria farmacéutica. Un labor que, -tal e como subliñou o conselleiro-, “veuse recoñecido a nivel europeo” coa recente concesión de dous proxectos vencellados á oncoloxía, como é o de medicina personalizada, elaborado en colaboración co Programa de Investigación Clínica do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, “encamiñado a un mellor coñecemento e precisión no tratamento dos cancros específicos da muller”.

 

Contades, -remarcou Comesaña-, “con persoal altamente cualificado, capaz de ofrecer os tratamentos máis novidosos, nunhas instalacións multidisciplinares e adaptadas, que favorecen unha atención de calidade aos pacientes”. Instalacións nas que se efectuaron adecuacións que permiten dispoñer dun espazo de máis de 300 m2, que inclúe, entre outras dependencias, zona de recepción propia, sala de descanso para pacientes e familiares, hospital de día, zona de coordinación e seguimento, e laboratorio.

 

Aposta pola Investigación


Comesaña incidiu que, nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o programa sobre investigación sanitaria experimenta unha suba do 9,4% ata os 5,7 millóns de euros, consolidando e ampliando a suba do 20% que experimentou nos primeiros presupostos desta lexislatura. Xunto ao anterior, neste ano que remata, Galicia xa completou o mapa de centros acreditados, coa incorporación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, “o que sitúa á nosa comunidade entre as de maior número de institutos de investigación sanitaria acreditados”.

 

Así mesmo, na Lei de acompañamentos aos orzamentos para 2023, incluíase a integración no sector público autonómico das tres fundacións de investigación sanitaria coas que conta Galicia.

 

Ademais, o pasado mes, o Consello da Xunta iniciou a tramitación dun estatuto para investigadores de centros públicos que mellorará a súa calidade laboral e que se prevé que estea rematado no primeiro semestre de 2023.

 

Para pechar a súa intervención, o conselleiro salientou “os esforzos que se están a facer para consolidar unha contorna de investigación que sexa atractiva” e amosouse convencido de que esta unidade axudará á realización dun maior número de ensaios.

Imaxes relacionadas