A Xunta rehabilita de xeito integral o mercado municipal de Crecente para favorecer a venda de produtos locais cun investimento de 96.000€

O delegado territorial, Luis López, visitou esta mañá as obras de acondicionamento interior da Praza de Abastos, na que se crearán catro postos comerciais independentes e un local para un supermercado, na compaña do alcalde, Julio César García-Luengo

A actuación contempla a remodelación de todo o recinto, cunha redistribución de espazos e a modernización de materiais, servizos e equipamentos, para proceder á súa reapertura como centro de dinamización social e comercial a partires de principios do ano 2023

“Estamos ante unha actuación perfecta de ámbito rural, polo seu efecto favorable á vida socioeconómica nun concello de interior, e que ademais aposta polos produtos agroalimentarios galegos, das Denominacións de Orixe e das IXP”, explicou o representante autonómico
 

Crecente, 29 de decembro de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a rehabilitar de xeito integral o Mercado Municipal de Crecente para impulsalo como centro de dinamización socioeconómica e favorecer a venda de produtos agroalimentarios das bisbarras da Paradanta e do Baixo Miño e doutros puntos de Galicia cun investimento de 95.753 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, e do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, visitou esta mañá as obras de acondicionamento interior global desta Praza de Abastos, na que se mudou a cuberta o pasado ano e que está pendente desta reforma para proceder á súa reapertura.

“Estamos ante unha actuación perfecta de ámbito rural, polo seu efecto moi favorable para a dinamización social e comercial dun concello de interior, e que ademais aposta pola promoción e posta en valor de produtos agroalimentarios galegos, con especial fincapé nos locais destas comarcas do sur da provincia, pero tamén dos pertencentes ás Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas”, explicou o representante autonómico.

Esta actuación, que se desenvolverá en dúas anualidades co obxectivo de rematarse nas primeiras semanas de 2023 para proceder á súa inmediata posta en funcionamento, está a ser financiada por unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, “posto que o proxecto presentado polo Concello de Crecente é magnífico e cumpría, un por un, cos requisitos, a filosofía e a estratexia de potenciación do rural deseñada pola Xunta”, agregou Luis López.

A rehabilitación do Mercado Municipal de Crecente consiste na restauración completa do interior do inmoble, que conta con dúas plantas e unha superficie de 564 m2, e a creación de catro postos de venda de produtos agroalimentarios e dun local para un supermercado que terá entrada independente dende os soportais do exterior.

Así, os traballos consisten no reforzo da estrutura con perfís de aceiro para garantir a seguridade do recinto, a instalación de carpintarías metálicas en todos os ocos exteriores para ofrecer unha luminosidae ampla pero non directa, a colocación de portas corredeiras automáticas en aras da eficiencia enerxética e a funcionalidade, o reforzo do illamento térmico para mellorar a confortabilidade interior e a dotación de pavimentación específica, con características diferentes, no interior e exterior do edificio.

A reorganización de espazos contempla a creación de catro postos de venda con revestimento vertical mural de paneis de PVC con peche metálico enrollable e falso teito e cuxas superficies oscilarán entre os 15 e os 40 m2, un local para un supermercado de 50 m2 que terá entrada independente para permitir o acceso dende o exterior e que sairá en alugueiro, dous aseos adaptados e un cuarto de instalacións. Todo elo completarase con todos os servizos de electricidade e fontanaría e coa instalación de sistemas anti-lumes.

Imaxes relacionadas