A Xunta amplía en dúas semanas a campaña de vacinación da gripe

O Executivo galego estenderá a posibilidade de vacinarse contra a gripe até mediados de xaneiro


O obxectivo desta ampliación é ofrecer a posibilidade de protexerse fronte a esta infección ás persoas que aínda non se vacinaron


No que vai de campaña, o 76,54% da poboación galega con 65 ou máis anos xa se vacinou, superando o 75% marcado como obxectivo polo departamento sanitario galego e polo Ministerio de Sanidade
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade tomou a decisión de prorrogar en dúas semanas a campaña de vacinación contra a gripe, que se estenderá até mediados do mes de xaneiro, concretamente ata o día 15.

O obxectivo desta medida é posibilitar que se poidan vacinar todas aquelas persoas que aínda non o fixeron até o de agora, pertenzan ou non, aos grupos de poboación cuxa vacinación contra a gripe está indicada.

No que vai de campaña, o 76,54% da poboación galega con 65 ou máis anos xa se vacinou, superando en máis de catro puntos a porcentaxe acadada na campaña pasada nestas mesmas datas, neste grupo de idade (72,3%). A porcentaxe de cobertura actual neste tramo de idade supera o 75% marcado como obxectivo polo departamento sanitario da Xunta e polo Ministerio de Sanidade.

No grupo de poboación con idades comprendidas entre os 65-69 anos xa se vacinou ao 65% da poboación, case oito puntos máis que nas mesmas datas do pasado ano (57,6). Outras cifras destacadas da campaña deste ano son que, no grupo de 70 a 79 anos, a cobertura xa supera o 78% (78,08%), no de 80-84 está por riba do 79% (79,68%), e no de máis de 85 anos está preto do 85% (84,92%).

O Executivo galego convida a toda a poboación que aínda non se vacinou da gripe a facelo nas vindeiras datas, poñendo o foco naqueles persoas que integran os grupos de poboación diana. Ademais, agradece a todos os profesionais sanitarios, en especial ao persoal de enfermería, o seu labor e esforzo que está a protexer a saúde da cidadanía galega.

A Dirección Xeral de Saúde Pública lembra que a vacina é a mellor ferramenta de prevención para evitar as complicacións que pode ocasionar esta enfermidade de carácter infeccioso-respiratorio.