O conselleiro de Sanidade salienta a importancia de traballar na concienciación da mocidade sobre a doazón de medula ósea

Julio García Comesaña presidiu hoxe o acto de entrega dos premios do VII Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e os transplantes de medula ósea

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu o acto de entrega de premios aos gañadores do sétimo Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, promovido pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

 

O acto, que tivo lugar esta mañá na Consellería de Sanidade, contou tamén coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; da directora de ADOS; Marisa López; e da coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.

 

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego subliñou a importancia de seguir traballando na creación dunha conciencia solidaria favorable ao xesto altruísta da doazón e o transplante nos distintos niveis educativos, en especial no ámbito universitario.

 

Así mesmo, o conselleiro salientou o esforzo que se realiza dende a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS para fomentar a información e sensibilización relativa á doazón e o transplante de medula ósea ao colectivo universitario, campo no que se circunscribe esta sétima edición do Concurso de Curtametraxes.

 

Neste punto, Comesaña lembrou que ADOS é o centro de referencia en Galicia para a tipaxe dos doadores de medula ósea integrados no Rexistro Español de Medula Ósea (REDMO) dende hai mais de dúas décadas e que, na actualidade, contabiliza un total de 13.696 doantes galegos dispoñibles.

 

Premiados

Nesta sétima edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, acadou o primeiro premio o traballo “Démoslle a volta á partida”, realizado polo alumno da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, David Hortas García.

No que se refire ao segundo premio, recaeu na curtametraxe “Almas Xemelgas”, realizado pola estudante de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Alexia Mariño Beiro, mentres que o terceiro premio foi para o traballo ”Comprométete e salva vidas”, presentado pola alumna de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela, Zaida López Estévez.
 
Comprométete a salvar vidas:https://youtu.be/_JeZLEODc_g
Démoslle a volta á partida:https://youtu.be/0hag0il6lvU