Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia

A Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, crea o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia, que nace como un sistema rigoroso, transparente e innovador para avanzar cara á neutralidade climática en 2040.

Este sistema, desenvolto regulamentariamente mediante o Decreto 95/2025,  servirá de nexo entre os operadores que voluntariamente desexen vender os créditos de carbono xerados mediante o desenvolvemento dos seus proxectos e actividades, e calquera persoa física ou xurídica, de natureza pública ou privada que, tamén de forma voluntaria, desexen adquirir créditos de carbono para así compensar as súas emisións.

Os proxectos susceptibles de seren incorporados ao sistema voluntario serán aqueles que promovan as actividades da absorción de carbono ou redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, e para os cales se poidan cuantificar os créditos de carbono mediante metodoloxías aprobadas no marco deste sistema.

 

METODOLOXÍAS EN EXPOSICIÓN PÚBLICA

De conformidade co disposto no artigo 10 do Decreto 95/2025 sométense a exposición pública dúas propostas de metodoloxías para proxectos de carbono nos ámbitos de:

  • Construción con elementos de madeira
  • Xestión forestal sustentable

O prazo de exposición pública é de 20 días hábiles, desde o 28 de abril ata o 27 de maio de 2026.

Durante este período, as persoas interesadas poderán consultar a documentación e presentar as observacións, suxestións ou alegacións que consideren oportunas, contribuíndo así ao proceso de mellora e transparencia das metodoloxías. 

Icono participacións

Forma de participación

  1. As observacións ou suxestións deberán enviarse a través do correo electrónico creditoscarbono.medioambiente@xunta.gal indicando no asunto “Exposición Pública Metodoloxías”, ou ben mediante un escrito dirixido á Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
  2. Todas as achegas recibidas trataranse e consideraranse como anónimas.
  3. O prazo para a presentación de observacións ou suxestións finalizará o 27 de maio de 2026 ás 23:59 horas.
Icono Documentación

Documentación

MÁIS INFORMACIÓN:
DIRECCIÓN XERAL DE ENERXÍAS RENOVABLES E CAMBIO CLIMÁTICO
Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio climático