A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións deulles a benvida á nosa Comunidade durante unha visita ao espazo Galiverso da Cidade da Cultura

Fabiola García recibe a unha vintena de mozos xaponeses que participan no programa ‘A Xuventude no Mundo’

Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2010, beneficiáronse deste programa máis de 300 mozos

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, recibiu esta mañá a unha vintena de mozos xaponeses que participan no programa da Xunta de Galicia A Xuventude no Mundo, que se recuperou o pasado ano logo do parón da pandemia. Fíxoo no espazo Galiverso da Cidade da Cultura no que se pode coñecer a través da realidade virtual o patrimonio artístico e paisaxístico galego.

O programa A Xuventude no Mundo permite o intercambio cultural entre a mocidade de Galicia e O Xapón, prestando especial atención ás rutas de peregrinación destes dous territorios. A ruta Xacobea e a ruta Kumano Kodo, son as únicas do mundo recoñecidas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. Así, mediante esta iniciativa fomentase o coñecendo por parte dos mozos de ambos territorios das similitudes e contrastes entre ambas culturas.

Os mozos xaponeses descubrirán durante esta semana a nosa Comunidade visitando distintos enclaves como a Costa da Morte, a cidade de Santiago ou partes do Camiño de Santiago. Do mesmo xeito, o pasado mes de setembro, un grupo de vinte mozos galegos viaxaron ata Wakayama para coñecer a ruta deste país e outras características da súa forma de vida. Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2010, beneficiáronse deste programa máis de 300 mozos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2024