A Xunta desenvolve a Lei de Xuventude de Galicia para mellorar a calidade dos servizos á mocidade
O Consello dá o visto e prace ao proxecto de decreto co que actualiza esta normativa despois dun proceso de participación e diálogo cos axentes implicados
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca que o obxectivo é mellorar “a atención e a inclusión nas actividades de lecer e tempo libre”
O conselleiro de Presidencia salienta, entre outras medidas, “o incremento no número de monitores nos campamentos ou a flexibilización para poder exercer este traballo”
Ademais haberá un novo sistema de ratios que terá en conta “a idade dos rapaces ou o tipo de actividade” á hora de fixar o número de monitores
Elévase a rango normativo a práctica do envío do Carné Xove ás persoas que cumpriron 12 anos
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia” para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para “incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo”.
Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia “despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados” -tal e como explicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos- a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é “actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos”.
O resultado é un documento amplo e técnico que moderniza o decreto do ano 2000 incorporando cambios relativos á tipoloxía de actividades, ao exercicio profesional, ao sistema de ratios ou ás medidas de protección á infancia. “Queremos mellorar a calidade, a atención e a inclusión nas actividades de lecer e tempo libre como campamentos ou granxas-escola na nosa comunidade”, indicou López Campos.
Neste sentido, unha das principais novidades céntrase na ampliación significativa das posibilidades de acceso ao exercicio profesional no ámbito do lecer e o tempo libre. Ata ese momento, a habilitación para exercer como monitor ou monitora ou como persoal directivo proviña exclusivamente dos títulos expedidos polas escolas de tempo libre. Con esta modificación, amplíanse as acreditacións válidas, e admítense ademais certificados profesionais, títulos da formación profesional ou titulacións educativas que incorporen integramente as cualificacións profesionais correspondentes. Deste xeito, harmonízanse as competencias coas do resto do Estado, ao tempo que se amplía o acceso á profesión e se facilita que todas as persoas cualificadas para este traballo poidan levalo a cabo.
Ademais, o novo desenvolvemento “establece novas ratios” para que o número de monitores varíe, tal e como explicou o conselleiro de Cultura, en función “da idade dos participantes, o tipo de actividade ou se hai menores con necesidades de apoio”.
Deste xeito, crearanse dous grupos diferenciados. O primeiro deles, específico para aquelas actividades suxeitas a declaración responsable, incluirá uns ratios dunha persoa cada oito participantes menores de nove anos, que se elevará ata dez no caso de rapazada superior a esta idade. No caso daquelas actividades que non precisen de declaración responsable exixirase unha persoa por cada 10 rapaces de menos de 9 anos, e unha persoa por cada 15 nenos ou nenas de máis idade.
Atención á inclusión
Estas ratios poderán variar no caso de que haxa participantes con discapacidade que precisen apoio. Deste xeito, cada caso deberá ser avaliado de xeito específico para sopesar a mellora do equipo de traballadores en función das necesidades co fin de dotalo do persoal necesario, coa formación e experiencia adecuadas, para garantir a súa inclusión e participación efectiva.
Ademais destes cambios substanciais, a nova regulación tamén atende á tipoloxía das actividades, incorporando novas categorías que non existían no anterior decreto, pero que están xa consolidadas como poden ser os campamentos urbanos, os obradoiros ou as excursións, e aos requisitos das instalacións xuvenís ao introducir regulación detallada que contribúa a garantir o benestar dos usuarios e a calidade do servizo prestado.
Finalmente, o decreto eleva a rango normativo a práctica do envío de oficio do Carné Xove ás persoas que cumpriron 12 anos no último ano, regulación que non existía no anterior normativa da Lei de xuventude de 2012.