A Xunta recibiu 3.642 solicitudes para o Bono Emancípate destinado á mocidade

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, informou na Comisión 4ª do Parlamento que a previsión é superar as 1.380 persoas con estas axudas

O proceso, que continúa a revisar e validar instancias recibidas, ten a día de hoxe adxudicadas 490 propostas para alugueiro e 452 en réxime de compravenda

O programa está destinado a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos para afrontar os primeiros gastos do fogar, como a compra de mobiliario ou electrodomésticos

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

A Xunta resolveu recibiu este ano 3.642 solicitudes para o Bono Emancípate, a iniciativa dirixida a colaborar coa mocidade de entre 18 e 35 anos para afrontar os primeiros gastos do fogar. Neste senso, tal e como deu conta a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, na Comisión 4ª do Parlamento, a previsión é chegar, unha vez remate o proceso de revisión, a 1.385 persoas con estas axudas.

 Así, segundo informou a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o programa ten a día de hoxe resoltas 490 propostas referentes ao alugamento e 452 en  réxime de compravenda, que recibirán, respectivamente, 1.500€ e 3.000€. Do mesmo xeito, indicou que tendo en conta o reparto do ano pasado e a suba do orzamento dos 2,25M€ aos 3M€ estimase que se chegará neste mes de outubro co bono a máis de 700 solicitantes para vivendas alugadas e a máis de 660 para as peticións daqueles que teñen vivenda en propiedade.

Lara Meneses lembrou que o proceso, iniciado unha vez se pechou o prazo de solicitudes, require un exhaustivo traballo de revisión e validación dos requisitos esixidos para realizar a adxudicación, que se fai seguindo a orde de chegada das peticións. Neste senso, tal e como se recollía nas bases da convocatoria, algunhas das condicións eran figurar dentro da franxa de idade indicada; ter, polo menos, unha fonte regular de ingresos; posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, ou estar empadroadas na vivenda na que van permanecer, entre outras cuestións.

Unha vez concedidas e comunicadas, as axudas fanse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual, expedida a nome da persoa beneficiaria, que pode ser utilizada ata o 31 de decembro como data límite. Ademais, as compras que se realicen deben facerse en establecementos con sede física en Galicia e non se poderá utilizar en compras a distancia.

No 2025 o bono, destinado á compra de mobiliario, electrodomésticos e distinto enxoval do fogar,  chegou a un total de 1.066 persoas, das cales 584 correspondéronse a mozos e mozas que se emanciparan nunha vivenda de alugueiro e 482 ás que o fixeron en réxime de propiedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2026