A conselleira de Política Social e Igualdade participa nas xornadas sobre este programa
Fabiola García pon en valor o éxito de ‘Vacacións en Paz’ e destaca que Galicia é unha das comunidades con máis acollementos de nenos saharauís
Destaca o papel clave que xogan das familias galegas, as que agradeceu o seu compromiso e apoio para demostrar que “Galicia é terra de acollida”
Felicita a Sogaps e enxalza o labor da súa presidenta, Maite Isla, “para axudar a que milleiros de nenos e nenas saharauís poidan vivir esta experiencia”
Garante a colaboración da Xunta con esta iniciativa, ao ofrecer “unha atención integral, sanitaria, social e humana”
Mondariz-Balneario (Pontevedra), 2 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta tarde o éxito que ano tras ano rexistra en Galicia o programa Vacacións en Paz, con datos que sitúan á comunidade galega como un referente a nivel nacional. Así o asegurou nas xornadas nacionais de valoración desta iniciativa, que reuniron en Mondariz-Balneario a entidades de toda España.
Na súa intervención, Fabiola García lembrou que este verán foron case 300 nenos e nenas saharauís os que pasaron o verán en Galicia, unha cifra que se eleva a 8.000 desde o inicio deste programa na década dos noventa. A conselleira asegurou que “a clave dos bos resultados e da importancia deste programa en Galicia reside única e exclusivamente nas familias”, ás que agradeceu o seu compromiso e solidariedade. “Grazas, por demostrar, unha vez máis, que Galicia é unha terra de acollida”, recalcou.
Ademais, a conselleira de Política Social e Igualdade felicitou á entidade Solidariedade Galega do Pobo Saharauí (Sogaps) é á súa presidenta nacional, Maite Isla, por “dedicar parte da súa vida a facer posible esta iniciativa” e por axudar a que “milleiros de nenos e nenas saharauís poidan vivir esta experiencia”.
Durante o acto, Fabiola García puxo en valor a “man tendida e colaboración da Xunta” con Vacacións en Paz. Un apoio que, segundo destacou, “vai máis alá do económico, xa que inclúe unha atención integral aos nenos e nenas”. “Achegamos unha atención completa, sanitaria, social e tamén humana”.
Por último, destacou que este ano foron un total de 80 novas familias as que se incorporaron ao programa e que Xunta e Sogaps “xa están traballando e colaborando para que no verán de 2027 sexan máis os nenos e nenas que poidan vir a Galicia”.