A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña reforzan a colaboración en materia de emerxencias

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, asinaron hoxe o convenio entre ambos os entes 

O obxectivo do acordo é axilizar o intercambio e actuar de xeito eficiente ante posibles incidencias que se produzan nas instalacións portuarias

 

A Coruña,  12 de marzo de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, asinaron hoxe o acordo entre a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e o ente portuario en materia de emerxencias, que establece os procedementos de comunicación entre ambos organismos no relativo ás posibles incidencias que poidan producirse nas instalacións e infraestruturas da Autoridade Portuaria.

A finalidade é establecer os procedementos de comunicación bilateral entre o 112 Galicia e a Autoridade Portuaria da Coruña, de maneira que ambos estean informados con relación aos accidentes ou incidentes que poidan producirse nas instalacións e infraestruturas competencia da Autoridade Portuaria e que esixan a intervención de medios externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, ou extinción de incendios e salvamento.

Diego Calvo incidiu en que  na atención ás emerxencias, a prevención e coordinación é unha peza fundamental para poder ofrecer unha resposta correcta cando se requira mobilizar recursos nunha intervención. Nesta liña, puxo en valor a importancia destes protocolos que se levan a cabo tamén noutras autoridades portuarias da comunidade.

Ademais, reafirmou o compromiso do Goberno galego a prol da prevención en materia de emerxencias con medidas de formación e planificación. Así, referiuse ás actividades impartidas desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) aos integrantes dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade; aos exercicios e simulacros para comprobar a efectividade de plans de emerxencia de protección civil ou ao apoio ao funcionamento e á dotación de material destes servizos co obxectivo de contar con efectivos ben formados e equipados para facer fronte ante calquera emerxencia. 

Intercambio de información

Segundo o convenio asinado hoxe, a Autoridade Portuaria porá en coñecemento do 112 Galicia, de acordo cos procedementos de actuación que se elaboren polos medios de comunicación acordados e coa máxima prioridade posible, os accidentes e incidentes que se produzan e afecten ás súas instalacións e, do mesmo xeito, ambos intercambiarán a información cartográfica da que dispoñen, sempre e cando sexa necesaria para o cumprimento do acordo, así como os datos da relación de medios e  recursos dispoñibles para atender as emerxencias. 

O CIAE112 Galicia informará a Autoridade Portuaria de todos os accidentes e incidentes dos que teña coñecemento e que se teñan producido nas súas instalacións, así como dos requirimentos de asistencia que teñan cursado ás administracións competentes, para a prestación material da asistencia requirida. Enviará tamén as alertas que se declaren na comunidade, cos informes de predición meteorolóxica oficiais elaborados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e os que con carácter complementario elabore MeteoGalicia a efectos de consulta.

No suposto de emerxencias que pola súa especial extensión ou intensidade sexan particularmente graves, a Autoridade Portuaria da Coruña porá os medios humanos e materiais necesarios, que seguirán baixo a súa propia dirección, para solucionar as incidencias que se produzan dentro do seu campo de actuación, nos termos e condicións definidas nos seus plans de autoprotección (PAU) e nos protocolos que se subscriban por ambas as partes, comunicando a CIAE 112 Galicia destas actuacións. Pola súa parte a Autoridade Portuaria poderá formar parte do operativo que se constitúa para facer fronte a este tipo de emerxencias.

O vicepresidente primeiro en funcións incidiu en que, neste sentido, a Xunta aprobou en 2022 o decreto que actualiza o catálogo de actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias dos que as persoas titulares teñen a obriga de elaborar e rexistrar PAU, co obxectivo de controlar os riscos sobre as persoas ou bens para dar unha resposta adecuada e garantir a súa  integración no sistema público de protección civil. O decreto establece tamén as medidas mínimas de protección que deben contemplar os plans de autoprotección e actuacións para axilizar o procedemento de rexistro.

As comunicacións entre o 112 Galicia e Autoridade Portuaria deberán poder realizarse as 24 horas, os 365 días ao ano e efectuaranse polos interlocutores designados a tal efecto por ambas as partes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2024