A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña manteñen o compromiso co servizo comarcal de bombeiros de Santiago

Representantes de todas as administracións implicadas mantiveron hoxe unha xuntanza na que o concello compostelán se comprometeu a enviar a documentación técnica precisa para avanzar na tramitación de cara á sinatura ao longo deste ano do convenio de comarcalización

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, conformado pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, mantén o seu compromiso de colaboración co concello de Santiago de Compostela para avanzar na comarcalización do servizo de bombeiros, tal e como se reafirmou nunha xuntanza mantida hoxe entre representantes das administracións implicadas.

Así, tal e como se establecera xa en xuntanzas anteriores, o investimento por parte da Xunta e a Deputación, compartido ao 50%, ascenderá a tres millóns de euros, dos que dous millóns  irán a sufragar as obras do novo parque e un millón anual para financiar o funcionamento deste servizo comarcal. Tanto a Deputación como a Xunta de Galicia teñen xa consignadas estas partidas económicas nos seus orzamentos deste ano.

Pola súa banda, o concello de Santiago encargarase da contratación do persoal, da licitación do servizo e da contratación das obras precisas. A administración local comprometeuse a enviar a documentación técnica precisa para avanzar na tramitación de cara á sinatura ao longo deste ano do convenio para a comarcalización do servizo de bombeiros, que podería comezar a prestarse de forma provisional desde as instalacións actuais do parque de bombeiros de Santiago.

No encontro celebrado hoxe participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o deputado provincial José Ramón Rioboo, e o concelleiro de mobilidade, convivencia e centros socioculturais, Xan Duro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2024