A Xunta convoca a través da Agasp un novo proceso selectivo para cubrir 127 prazas de auxiliar de Policía Local en 32 concellos galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da oposición por quenda libre para a contratación das persoas que superen as probas en réxime laboral temporal ou formar parte da listaxe de reserva

No período 2018-2023 a Academia Galega de Seguridade Pública convocou procesos selectivos unitarios con máis de 1.400 prazas de Policía Local, auxiliares de Policía Local, vixiantes municipais, oficiais e inspectores

Un total de 92 concellos teñen delegada na Xunta a competencia para seleccionar e formar os membros dos seu corpos de Policía local

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo unitario que permitirá cubrir 127 prazas de auxiliar de Policía Local en 32 concellos galegos. Trátase dun procedemento de oposición por quenda libre, de maneira que as persoas que o superen, serán contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formarán parte da listaxe de reserva no caso de non obter posto ou con dereito a el que non o elixiron ou aceptaron.

O proceso consta de tres probas que comezan coa de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 50 preguntas tipo test e, no caso de non estar exentos, da de avaliación de coñecemento de lingua galega. A terceira proba é de aptitude física con exercicios de potencia de tren inferior con salto e vertical e de resistencia cunha carreira de 1.000 metros lisos. As persoas aspirantes que aproben e as incluídas na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de Policía Local.

Os 32 concellos que convocan as 127 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Cambados, Cangas, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, O Grove, O Rosal, Poio, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arteixo, Bergondo, Boiro, Camariñas, Carballo, Cedeira, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño, Noia e Ponteceso, na provincia da Coruña; así como os concellos ourensáns de Barbadás e O Barco de Valdeorras e Mondoñedo, en Lugo.

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase durante 10 días hábiles. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Acordo cos concellos para a selección

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de Policía Local,  a través dun convenio de colaboración. Na actualidade, 92 concellos teñen acordos vixentes para delegar no Goberno galego, a través da Agasp, a selección e formación dos membros do seu cadro de persoal de policía local mediante as convocatorias de procesos selectivos. Supón máis do 72 % dos 127 municipios con corpo de Policía Local.

As oposicións convocadas pola Agasp no período 2018-2023 permitiron cubrir máis de 1.400 prazas en distintos municipios: 726 de auxiliares de Policía Local, 607 da categoría de policía, 57 de oficial, 15 de inspector, 2 de inspector principal, e 2 de vixiantes.

A Agasp é o centro de referencia na formación das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Actualmente coinciden na Academia, máis dun cento de alumnos que integran a 16ª promoción de Policía Local que realizarán a súa formación ata outubro e outros 16 aspirantes a prazas de procesos de oficial, inspector, inspector principal e vixiante municipal, que rematan os cursos este mes. As persoas aspirantes que superen a oposición de auxiliar de Policía Local tamén realizarán a súa formación na academia.

A Academia Galega de Seguridade Pública encárgase da  formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2024