O número de emigrantes galegos diminúe en 2.861, mentres se incrementou o número de descendentes nados no exterior, sumando un total de 534.972

O aumento de cidadáns galegos residentes no estranxeiro ten a súa base na descendencia dos galegos nados xa no seu país de destino

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

O número de emigrantes galegos (persoas que naceron en Galicia e residen no exterior) volve baixar un ano máis en 2.861, continuando a tendencia dos últimos exercicios. Mentres a poboación galega total que reside no exterior segue a incrementarse debido as novas inscricións de persoas descendentes de galegos nacidas no estranxeiro, ata alcanzar os 534.972 (incremento de 7.523 persoas) a 1 de xaneiro de 2024, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das persoas galegas que viven no estranxeiro e que xa naceron no seu país de destino.

Estas novas cifras alteran lixeiramente o mapa da poboación galega no exterior, que segue a liderar Arxentina con 181.037, seguida do Brasil con 51.409 e Cuba con 48.784. Suíza, 41.188, a O Uruguai con 40.818. Venezuela, con 32.118, por diante de Estados Unidos de América con 26.108, Francia con 19.848, Alemaña con 17.901 galegos e O Reino Unido con 16.151.

Nova realidade migratoria

Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar, non só a comunidade, senón toda España. Con esta finalidade, Galicia foi pioneira na implementación da Estratexia Galicia Retorna que segue a facilitar que os galegos retornen. Precisamente o ano pasado, coñecíamos un fito importante para a comunidade galega, xa que, por segundo ano consecutivo, acadouse unha cifra histórica de retorno. Un total de 7.957 galegos e galegas decidiron volver a Galicia dende os seus países de residencia actual.

Data de actualización: 19/03/2024