A Xunta pon de relevo a especial relación entre o Camiño de Brochero e a ruta Xacobea como símbolo da importancia da galeguidade no país

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse na Arxentina co gobernador de Córdoba, Martin Llaryora, e posteriormente visitou o Centro de Interpretación O Camiño de Brochero

A reunión celebrouse no marco do convenio de colaboración que permitiu á provincia arxentina desenvolver o Camiño do Cura Brochero

Ambos representantes destacaron que, na actualidade, residen na Arxentina preto de 200.000 galegos, que supoñen o 35 % dos españois residentes no país

Córdoba (Arxentina), 10 de outubro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou a especial relación que teñen o Camiño de Brochero e o Camiño de Santiago, así como a importancia de seguir reforzando eses vínculos. Así o dixo na reunión que mantivo co gobernador de Córdoba, Martin Llaryora, e posteriormente na visita que realizou ao Centro de Interpretación O Camiño de Brochero, onde estivo acompañado polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

O secretario xeral e o comisario do Xacobeo reuníronse co gobernador no marco do convenio de colaboración que permitiu á provincia arxentina de Córdoba desenvolver o Camiño do Cura Brochero (primeiro santo arxentino) co apoio técnico de Galicia. Destacando que nun mes visitará a provincia o Papa León XIV, ambos representantes autonómicos celebraron que a ruta fose declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Arxentina no pasado mes de agosto.   

En canto á visita posterior, Miranda puxo en valor que o centro O Camiño de Brochero permita coñecer a vida, a obra e o legado do Cura Gaucho e sirva de punto de partida para descubrir o Camiño de Brochero, unha proposta de turismo cultural e relixioso que percorre diferentes lugares vinculados á vida do santo e que conecta co mundo das peregrinacións e co Camiño de Santiago.

Aproveitando a súa estancia en Córdoba, o secretario xeral quixo resaltar tamén a importancia que ten para Galicia a comunidade galega na Arxentina. Na actualidade viven no país preto de 200.000 galegos, que supoñen o 35 % do total de españois residentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2026