A Xunta implementa novas funcionalidades nas súas apps turísticas para facilitar o seu uso e planificación da viaxe

Xa se poden empregar actualizadas de cara a Semana Santa con melloras na súa xeocalización e coa incorporación de realidade aumentada nas que carecían dela

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2024

Turismo de Galicia vén de implementar algunhas melloras nas ferramentas dixitais postas a disposición dos viaxeiros para coñecer a Comunidade coa intención de facilitar o seu uso e a planificación da súa viaxe a Galicia, que se poden empregar xa actualizadas de cara a Semana Santa. En concreto, as APP turísticas da Xunta -que rexistraron máis de 53.000 descargas o ano pasado- teñen mellor xeolocalización e algunhas delas incorporaron a realidade aumentada.

Así, melloráronse a APP Turismo de Galicia, que inclúe información sobre aloxamentos pero tamén restauración, museos, festas… e permite explorar os recursos turísticos sobre o mapa no que se amosan os puntos de interese, así como a APP do Camiño de Santiago, que funciona a modo de guía de bolsillo dos peregrinos con información útil de aloxamento e restauración e recursos, así como información meteorolóxica necesaria para emprender o Camiño, dirección de centros de saúde e emerxencias, entre outras.

Xunto a estas APP, están tamén dispoñibles para a súa descarga outras APP turísticas máis específicas, como Sendegal, que promove e potencia a actividade do sendeirismo como unha forma de aproximarse aos espazos naturais e ao patrimonio etnográfico e monumental de Galicia, a través dos 120 sendeiros oficialmente homologados en Galicia. Inclúe planos de cada ruta, información sobre a súa lonxitude, tempo estimado do percorrido, perfil topográfico e outros datos de interese.

A APP Enoturismo de Galicia facilita a visita aos viñedos e adegas das cinco denominacións de orixe a través da xeolocalización, incluíndo información útil da súa historia e outros puntos de interese. Para os viaxeiros interesados na natureza e, en concreto, das aves, a APP Galicia Birding permite coñecer os lugares máis apropiados para a súa observación con itinerarios específicamente deseñados a tal fin.

Todas as APP son gratuítas, están dispoñibles en galego, castelán e inglés, e se poden descargar na páxina web de Turismo de Galicia. Ademais, Turismo de Galicia recorda, que está actualizada na súa páxina web toda a información útil para os desprazamentos e as viaxes de Semana Santa en Galicia, tanto coa programación das nove Semana Santa de Interese Turístico, como toda a oferta complementaria de natureza, destinos urbáns, enoturismo así como o Camiño de Santiago, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2024