A Xunta axuda con 90.000 euros á asociación Iris Social de Marín

O delegado territorial destacou a importancia de colaborar coas asociacións galegas e agradeceu o traballo dos traballadores e traballadoras de Iris Social

Estas axudas, que buscan financiar iniciativas de formación, adaptación, inclusión e coidado das persoas máis vulnerables, benefician a 11 entidades da área territorial de Pontevedra e suman máis de 1 millón de euros

Pontevedra, 22 de marzo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da Asociación Iris Social, en Marín, con motivo das axudas outorgadas para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social.

Estas achegas deixaron nesta asociación preto de 90.000 euros que serán destinados ao seu programa ‘Arraigate’ co que axudan a persoas en risco de exclusión social, na súa maioría migrantes, a atopar un emprego a través do asesoramento laboral e a formación.

En total, na área territorial de Pontevedra benefícianse destas axudas 11 entidades distintas que se reparten máis de 1 millón de euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para probar algunhas das tecnoloxías empregadas nestes e noutros cursos levados a cabo pola asociación. En concreto, Reguera experimentou de primeira man o simulador que utiliza o alumnado de soldadura e que lle permite practicar reducindo o desperdicio de material.

Reguera rematou a visita destacando “o gran traballo que se leva a cabo nesta asociación e que mellora a vida de decenas de persoas”. Ademais, despediuse lembrando a importancia de manter unha “colaboración produtiva e constante entre a Xunta e as asociacións galegas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2024