Rueda anima aos brasileiros a vivir a experiencia do Camiño de Santiago con motivo do Xacobeo 2027

Asistiu hoxe á reunión de peche de mandato da Comisión Delegada do XIII Consello de Comunidades Galegas e mañá presidirá o seu Plenario

Río de Xaneiro (Brasil), 10 de novembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe o Xacobeo 2027 en Río de Xaneiro e animou a todos os brasileiros a visitar Galicia e vivir a experiencia de peregrinar cara Santiago a través das diferentes rutas que compoñen o Camiño de Santiago.

Máis de 564.000 peregrinos recolleron a súa compostela no que vai de ano, superando xa o récord histórico do 2025. Deles, máis de 8.300 procedían do Brasil, que ocupa o undécimo lugar como país de orixe dos turistas que realizan o Camiño.

Neste sentido, cabe destacar a importancia e a oportunidade que supón o futuro Ano Santo para reforzar o prestixio de Galicia no mundo e posibilitando a apertura de novas vías de negocio nun mercado tan amplo e dinámico como o do Brasil.

Reunión da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

O presidente da Xunta tamén asistiu hoxe á reunión de peche de mandato da Comisión Delegada do XIII Consello de Comunidades Galegas, onde Rueda quixo agradecer o traballo que levan a cabo os centros galegos espallados por todo o mundo e que forman parte de dito Consello. Mañá, reúnese tamén o seu Plenario. Así, cabe destacar que o país anfitrión para esta cita, o Brasil, é o segundo do mundo con maior presenza galega, con máis de 55.000 galegos residentes.

A cita tivo lugar na Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, unha institución que representa un exemplo de solidariedade e na que a colectividade galega ten moito que ver tanto na súa creación como no seu funcionamento.

Data de actualización: 10/11/2026