A Policía Autonómica levanta 6 actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado nas festas da Carballeira de Lugo

No operativo identificouse a 45 persoas por consumo de alcohol na vía pública

Lugo, 25 de marzo de 2024

Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica en Lugo levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o 20 de marzo, no marco das festas da Carballeira de Lugo. Como resultado das inspeccións identificouse a 45 persoas e levantáronse 6 actas de infracción por parte de menores na vía pública.

En concreto, tres das actas correspóndese con consumo de alcohol e de infracción tanto da Lei 2/1996, de 8 de maio, de Galicia, sobre drogas como  da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. As tres actas restantes están relacionadas con infraccións da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, por tenencia de sustancia estupefacientes na vía pública.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expendedores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.  

Data de actualización: 25/03/2024