A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou ao grupo de mozos que participa nesta iniciativa no albergue xuvenil Marina Española

A Xunta pon en valor o programa Primavera Xove como un dinamizador do tempo libre entre a mocidade

Ata 600 mozos con idades entre os 14 e os 30 poden participar nesta proposta que o Goberno galego desenvolve en seis instalacións xuvenís da comunidade durante os meses de marzo e abril

Bergondo (A Coruña), 28 de marzo de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe ao grupo de mozos que participa do programa Primavera Xove esta Semana Santa no albergue xuvenil de Marina Española. Durante a visita puxo en valor o programa Primavera Xove como un dinamizador do tempo libre entre a mocidade.

Na edición deste ano de Primavera Xove, a Xunta oferta case 600 prazas para persoas entre os 14 e 30 anos durante os meses de marzo e abril en seis instalacións xuvenís da comunidade. Trátase de que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo e saudable e que os pais teñan máis oportunidades para conciliar durante as fins de semana ou en períodos non lectivos como a Semana Santa.

O grupo de Marina Española desfruta dunha estadía de cinco días e dun amplo programa de actividades denominadas ‘Aventura 3D’. Nel contémplanse actividades de: xogos láser e tiro con arco, impresión 3D, xincana cooperativa, arcos e máscaras ou visita a Sada.

Ademais de Marina Española, outros espazos nos que se desenvolve esta iniciativa son os albergues xuvenís da Devesa (Ribadeo), Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís de Pontemaril (Forcarei) e As Sinas (Vilanova de Arousa).

Data de actualización: 28/03/2024