A Xunta difunde o labor da Policía local na feira das profesións celebrada en Brión

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou o evento con motivo da participación do alumnado da 16ª promoción deste corpo policial, que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública

Brión (A Coruña), 4 de abril de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Feira das profesións con motivo da participación do alumnado da 16ª promoción da Policía Local, que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Coa implicación neste evento organizado polos departamentos de orientación dos institutos de ensino secundario de Ames, Brión e Negreira, a Xunta quere divulgar o traballo realizado polo corpo policial máis próximo á veciñanza e poñer en valor esta profesión como saída laboral.

Así, a mocidade que se achegue a este espazo ao longo da xornada poderá coñecer de primeira man o proceso para converterse en Policía Local, e as diferentes motivacións para elixir esta profesión. Ademais, no expositor terá a oportunidade de achegarse aos materiais de apoio que utilizan no seu labor a prol da seguridade cidadá. Trátase da primeira vez que unha representación deste corpo policial participa na feira, dirixida especialmente a alumnado de cuarto da ESO e de Bacharelato.A 16ª promoción de Policía Local está integrada por máis dun cento de aspirantes á categoría de policía, na escala básica, que están a formarse na Agasp desde o pasado febreiro para finalizar en outubro. Trátase das persoas que superaron os procesos selectivos da categoría de policía nos diferentes concellos de Galicia e que, unha vez superado o curso selectivo, serán nomeadas persoal funcionario en prácticas A formación ten unha duración de 1.400 horas lectivas, das que 500 se corresponden con prácticas nos respectivos concellos.

Destes aspirantes, 89 proceden dos concellos adheridos á convocatoria unificada. A meirande parte son da Coruña, con 30 aspirantes, mentres que as cidades de Vigo e Lugo contan con nove aspirantes cada unha delas, Padrón con catro e Carballo con tres. Os 34 restantes distribúense entre Ames, Baiona, Bergondo, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Muxía, Narón, Noia, Ponteareas, Porto do Son, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa, con unha ou dúas prazas.

A eles súmase alumnado dos concellos das Pontes de García Rodríguez, Culleredo, Oleiros, Sarria, Monforte de Lemos e Cambados. Trátase de localidades que non están adheridas á convocatoria unificada pero que teñen os procesos selectivos en marcha e reservaron praza no curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2024