A Xunta sinala a anticipación como función clave no sistema integrado de protección civil e de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior participou na inauguración do VI Congreso Internacional de Seguridade Industrial en Portos, centrado na molécula verde e nos desafíos da integración das novas fontes de enerxía nas infraestruturas portuarias

A Coruña, 22 de maio de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá na inauguración do VI Congreso Internacional de Seguridade Industrial en Portos, onde sinalou a anticipación como función clave na xestión dos riscos. O encontro céntrase na seguridade da molécula verde e nos desafíos que representa a integración das novas fontes de enerxía nas infraestruturas portuarias.

O director xeral incidiu na necesidade de estudar e analizar os retos asociados con estas novas tecnoloxías para obter o coñecemento preciso para planificar e abordar de xeito eficaz calquera eventualidade. Para Villanueva, “é crucial que o sistema integrado de protección civil e de emerxencias de Galicia estean preparados para anticipar e xestionar estes riscos”.

Nesta liña, salientou a importancia do congreso como plataforma para o intercambio de experiencias e información, xa que permitirá axustar os plans de emerxencia á nova realidade. “O  noso obxectivo é trasladar o coñecemento adquirido aos procedementos operativos dos diferentes servizos integrados no sistema de protección civil e emerxencias de Galicia”, apuntou.

Santiago Villanueva referiuse a este encontro bienal como “referente consolidado no ámbito científico-técnico relacionado coa seguridade nos portos”. Neste ano céntrase nos riscos asociados ao transporte e almacenamento de hidróxeno verde, metano e outros vectores enerxéticos que ademais están “relacionados con proxectos estratéxicos que sitúan Galicia á vangarda na implementación das enerxías sustentables”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024