Diego Calvo pon en valor a importancia dunha adecuada xestión da información en emerxencias

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións participou esta mañá na terceira edición das ‘Xornadas de responsables de comunicación en centros 112 de España’ 

A Estrada (Pontevedra), 4 de abril de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, asistiu hoxe á terceira edición das Xornadas de responsables de comunicación en centros 112 de España, onde destacou a importancia da información e da comunicación que se traslada á cidadanía cando se produce unha emerxencia. Deste xeito, considera que debe realizarse por profesionais especializados e de forma preferible “cunha soa voz” autorizada para comunicar as mensaxes de forma “clara, verídica e crible”.

Nesta liña, engadiu a necesidade de loitar contra os rumores e a información errónea -as coñecidas como fake news- que nalgunhas ocasións se difunden aos medios e por redes sociais xerando confusión. Diego Calvo apelou tamén a un uso responsable das novas tecnoloxías ás que é preciso “adaptarse de maneira constante” e que son “de grande utilidade” á hora de transmitir a información relacionada coas emerxencias.

Así o asegurou durante as xornadas organizadas pola Axencia Galega de Emerxencias (Axega) que se están a celebrar hoxe e mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Galicia acolle por primeira vez este evento de relevancia nacional, tras as edicións anteriores levadas a cabo en Madrid en 2019 e en Andalucía en 2022. 

O evento permitirá compartir opinións co obxectivo de enriquecer as perspectivas e os modelos de comunicación de cada un dos centros participantes e debater sobre a mellor maneira de solucionar os retos que se lle presentan aos xestores da información. Por iso, fomentarase o debate e a posta en común coa organización de mesas de traballo e dun caso práctico.

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, foi o encargado de inaugurar o evento, que conta hoxe con mesas redondas e relatorios relacionados coa  a posición da Web 3.0, fluxos migratorios, técnicas de recompilación e visualización de datos, a implantación do sistema ES-Alert e a súa aplicación nunha situación real como a recente Dana en Madrid, as fake news, o cambio climático e os incendios forestais, así como as emerxencias transfronteirizas. Esta primeira xornada rematará coa participación do xornalista freelance Marcos Méndez, premio José Couso, con experiencia en zonas de conflito como Ucraína ou Gaza, quen abordará o traballo dos freelance e as formas de comunicar no peor escenario posible. 

Xa na xornada de mañá, o xornalista Gabriel González, membro da Comisión Interinstitucional para a Prevención das Condutas Suicidas do Goberno de Navarra, ofrecerá un relatorio sobre o tratamento da información relacionada cos suicidios. Antes da clausura tamén se tratará a importancia das fontes oficiais de información e das redes sociais en situacións de grave emerxencia, os incendios urbanos rexistrados nos últimos anos, a vertente divulgativa dos 112 a través de distintas campañas de prevención ou a formación de equipos de comunicadores en emerxencias. 

Ademais de recoñecidos expertos dos ámbitos da comunicación e da educación, estas xornadas contarán coa participación de representantes de comunicación dos centros 112 doutras comunidades como Madrid, Cataluña, Andalucía, Murcia, Baleares, Canarias, Estremadura, A Rioxa, Castela e León, Aragón, Navarra, Comunidade Valenciana e Melilla. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2024