Alfonso Villares resalta o histórico papel das mulleres no desenvolvemento do sector pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, puxo en valor o importante papel crucial que tiveron as mulleres no desenvolvemento do sector pesqueiro galego, particularmente na industria da conserva. Así o manifestou, acompañado polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, durante a visita á exposición ‘As mulleres e o mar’ organizada pola Fundación Juana de Vega no Colexio de Fonseca ata o vindeiro 9 de abril, e que ten como obxectivo poñer en valor o traballo das mulleres no proceso máis duro de industrialización do mar. O responsable autonómico louvou esta iniciativa que visibiliza a contribución desas traballadoras anónimas que, co seu traballo e sacrificio, fixeron de Galicia un referente mundial da industria conserveira.

A mostra, comisariada pola directora da Cátedra Juana de Vega, Luisa Muñoz, constitúe un relato colectivo das profesionais do mar como as redeiras, mariscadoras, regateiras ou as conserveiras co que se pretende difundir a súa aportación en favor do progreso económica da sociedade galega a través da industria do mar. Alfonso Villares destacou que foron mulleres pioneiras xa que foron que de abrir camiño para as que viñeron despois no sector pesqueiro nun contexto social complexo no que, ademais de traballar, asumían en solitario os coidados familiares. A exposición, composta por varios paneis con forma de latas de conservas, conta tamén cun vídeo que recolle fragmentos da actividade na fábrica de Massó Hermanos a principios do século XX.  

Data de actualización: 04/04/2024