O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no acto de confraternización da Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos de Ourense

A Xunta pon en valor o labor de Atave a prol da formación flexible e conectada coas necesidades dos negocios de reparación de vehículos

González salienta o valor da colaboración público-privada para afrontar retos como a cobertura de vacantes e avanzar en cuestións clave como o benestar laboral

Refírese á importancia de seguir potenciando a cualificación de perfís atendendo ás necesidades do tecido produtivo e de atraer talento do exterior

No ámbito do benestar laboral destaca o plan integral acordado no seo do Diálogo Social e aprobado en setembro polo Consello da Xunta, ferramenta que fai especial fincapé nas pequenas e medianas empresas como as que forman parte de Atave

Ourense, 16 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o labor da Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos de Ourense (Atave) a prol da formación flexible e conectada coas necesidades dos negocios relacionados co seu ámbito de actividade. Así o destacou durante o encontro anual de confraternización desta entidade, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Ademais, agradeceu a contribución ao sector dos profesionais recentemente xubilados e homenaxeados durante o evento, no que tamén se recordou ao piloto ourensán de automobilismo, Xesús López Fernández —coñecido no mundo do motor como Pijo—falecido nun accidente en agosto. Tamén tivo palabras de agradecemento para Atave por esta iniciativa e polo seu papel de defensa das persoas traballadoras no ámbito da reparación de vehículos.

Neste sentido, trasladou o apoio do Goberno galego e a importancia da colaboración público-privada para afrontar retos do mercado laboral como a cobertura de vacantes e avanzar en cuestións clave como o benestar laboral.

En relación coa cobertura de man de obra, González salientou a relevancia de seguir potenciando a cualificación de perfís atendendo ás necesidades do tecido produtivo. Unha cuestión, especificou, que abarca tanto ás persoas ocupadas como ás desempregadas. Tamén se referiu á importancia da atracción de talento, aspecto no que se traballa tanto para o regreso das persoas galegas residentes no exterior como para a captación de persoas traballadoras de terceiros países.

En canto ao benestar laboral, o conselleiro destacou o plan integral acordado no seo do Diálogo Social e aprobado en setembro polo Consello da Xunta, unha ferramenta pioneira en España para reforzar a prevención, mellorar o benestar laboral e favorecer unha reincorporación saudable tras unha baixa. Sinalou ademais que esta folla de ruta fai especial fincapé nas pequenas e medianas empresas como as que forman parte de Atave fortalecendo os instrumentos de apoio e asesoramento neste ámbito.

Data de actualización: 17/10/2026