O presidente da Xunta en funcións e a presidenta da Fundación Amancio Ortega (FAO), Flora Pérez Marcote, acompañados pola conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, asisten á entrega do segundo centro de maiores construído e financiado integramente pola FAO

Rueda anuncia que as residencias impulsadas pola Fundación Amancio Ortega en Santiago e Lugo comezarán a recibir os primeiros usuarios en maio

A FAO entrega chave en man á Xunta o complexo no barrio lucense da Residencia, de 120 prazas, para a súa incorporación á rede pública autonómica, tras un investimento que supera os 25 millóns de euros

O centro, que levará o nome de San Antonio de Padua, conta con 120 prazas, zonas de atención especializada e servizos de comedor, podoloxía, ximnasio, lavandería ou salón de peiteado, entre outros

Os sete centros financiados pola FAO sumarán 900 prazas, cun investimento total de 180 millóns de euros

A oferta total de prazas públicas en Galicia supera as 15.000, máis do triplo das existentes en 2009

Lugo, 5 de abril de 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, indicou hoxe que está previsto que tanto a primeira das sete residencias nacidas froito da colaboración do Goberno autonómico e a Fundación Amancio Ortega (FAO) inaugurada en Santiago o pasado mes de outubro, como a nova de Lugo comecen a recibir os primeiros usuarios a partir do vindeiro mes de maio. Así o asegurou durante o acto de entrega da segunda residencia, situada no barrio lucense da Residencia, en compañía da presidenta da Fundación, Flora Pérez Marcote, e da conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García.

Esta nova residencia, financiada integramente na súa construción e equipamento pola FAO e que levará o nome de San Antonio de Padua, entrégase chave en man á Xunta para integrarse na rede pública, segundo o Convenio asinado o 13 de novembro de 2019 co Executivo autonómico. O centro, executado segundo o modelo creado por Elsa Urquijo Arquitectos , conta con 120 prazas —distribuídas en 42 habitacións dobres e 36 individuais—, zonas de atención especializada —con salas de terapias e consultas médicas— e servizos de comedor, podoloxía, ximnasio, lavandería ou salón de peiteado, entre outros. Unha mostra do carácter vangardista do centro son as unidades psicoxeriátricas coas que conta, para a atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias. Con este novo centro, contan xa con prazas públicas máis de 15.000 persoas en Galicia, máis do triplo que en 2009.

En total, a aportación da FAO para o proxecto das sete residencias en Galicia é de 180 millóns de euros, superior a cantidade prevista inicialmente, debido á calidade do proxecto construtivo e o carácter vangardista do equipamento instalado, e suporá a creación de máis de 800 empregos. Nas cidades da Coruña, Pontevedra e Ferrol os traballos de construción están en plena execución, e nos estadios de tramitación urbanística as residencias de Ourense e Vigo.

A FAO investiu máis de 25 millóns de euros na construción e o equipamento deste centro de Lugo. Rueda agradeceu o compromiso, implicación e dedicación da Fundación Amancio Ortega no eido social que se traduce en proxectos coma estas residencias públicas que van construír —para ampliar en 900 as prazas da rede pública autonómica—, as escolas infantís impulsadas en oito concellos ou os centros interxeneracionais de Ourense e Arteixo.

Fundación

A Fundación Amancio Ortega Gaona desenvolve as súas actuacións en áreas fundamentais para o benestar social: a educación, a saúde e a mellora dos servizos asistenciais ás persoas máis vulnerables.

Ademais do proxecto de centros de atención integral a maiores e as 9 escolas infantís entregadas á Xunta, ao longo dos anos a FAO facilitou a creación, entre outros, da sede de Proxecto Hombre en Galicia e o centro de atención integral de AMENCER en Vigo, o Centro de formación de ASPACE e o Centro Integral de Asistencia Social da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, estes dous na provincia de A Coruña.

O mellor envellecemento posible

O presidente da Xunta en funcións asegurou que o Goberno autonómico comparte ese compromiso coa atención e mellora de calidade de vida dos maiores e con “ofrecerlles todas as facilidades para pasar esta etapa como cada un desexe”. Algo que, segundo apuntou, se plasma no feito de que nos orzamentos deste ano, os máis altos da historia de Galicia, a área de políticas sociais reciba máis de 1300 millóns de euros.

Nesta liña, o Goberno galego reforzará os apoios este 2024 para os maiores, tanto os que precisan coidados como os que gozan de boa saúde e teñen plena autonomía, con medidas como o bono universal de 5000 euros ao ano para todas as persoas dependentes coidadas na súa casa, o complemento de 1200 euros para as que xa contan cun bono para cofinanciar o centro residencial que desexe e o Carné +65, con descontos para os maiores en establecementos, servizos ou ocio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2024