Corgos destaca o éxito do programa Enredando Tour que permitiu xa achegar as ferramentas dixitais a máis de 1.300 maiores do rural

O conselleiro de Facenda e Administración Pública asistiu á clausura da cuarta edición, na que participaron máis de 240 persoas de 21 localidades

Resaltou o esforzo compartido da Amtega e da Cruz Vermella para, a través desta iniciativa, construír unha sociedade dixital máis inclusiva

A Estrada (Pontevedra), 16 de setembro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o éxito do programa Enredando Tour que, desde a súa posta en marcha da man de Cruz Vermella e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, permitiu xa achegar as ferramentas dixitais a máis de 1.300 maiores do rural.

Durante a clausura da súa cuarta edición, na que participaron máis de 240 persoas de 21 localidades das catro provincias galegas, Corgos quixo agradecer o esforzo dos voluntarios da Cruz Vermella que, tanto nesta edición como nas anteriores,  estiveron promovendo as actividades e os obradoiros para que os maiores poidan manexarse na contorna dixital con autonomía e confianza, vivan onde vivan.

“A dixitalización debe abrir oportunidades e non crear novas diferenzas”, dixo, subliñando que esta iniciativa vén a reforzar o traballo que fai a Xunta a través da Rede CeMiT, para construír unha sociedade dixital máis inclusiva. Non en van, lembrou que case o 30 % das persoas usuarias das aulas CeMIT son maiores de 55 anos, na súa maioría do rural.

Miguel Corgos concluíu garantindo o compromiso da Xunta para seguir reducindo a fenda dixital xeracional. Así, entre 2021 e 2025, o uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos medrou case un 39 %, o que significa que máis de 72.800 galegos entre estas idades se incorporaron á vida dixital.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026