A Xunta fai fincapé na corresponsabilidade para blindar o benestar dixital do alumnado

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa sinala no Parlamento que a Xunta está a acompañar ás familias neste proceso, respectando o seu espazo privado, pero facilitándolle formación e instrumentos como o Contrato de Vida Dixital

Judith Fernández recorda que acadar unha boa convivencia no eido dixital parte da prevención e da formación, cuestións que xa se traballan desde o ensino

Sinala a alta participación na elaboración da Lei de educación dixital, que regula os desafíos das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, compareceu hoxe no Parlamento para falar das políticas de convivencia e igualdade do sistema educativo. Fíxoo poñendo o foco no ámbito dixital, destacando que a Xunta está a traballar na extensión dos principios básicos para seguir tendo unha boa convivencia escolar, atendendo especialmente ao ámbito das novas tecnoloxías.

Neste sentido, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, fixo fincapé na corresponsabilidade das familias e na colaboración con elas para blindar o benestar dixital do alumnado. “Unha parte importante da vida dixital dos menores prodúcese fóra do recinto escolar, pero afectan á convivencia nos centros”, sinalou.

Para avanzar nesta responsabilidade compartida, a Xunta puxo en marcha o Contrato de Vida Dixital, unha ferramenta voluntaria de corresponsabilidade entre alumnado, familia e centro educativo que ten como obxectivo crear un marco compartido para falar de hábitos, límites, privacidade, respecto, uso responsable da tecnoloxía e petición de axuda cando aparece un problema.

Esta medida forma parte do Plan Integral de Benestar Dixital da Xunta, que incorpora a prevención, o uso responsable da tecnoloxía e a implicación das familias como elementos fundamentais; sempre respectando o espazo privado dos fogares, pero poñendo en marcha iniciativas –como actividades de formación para nais e pais neste ámbito– e ofrecéndolles instrumentos –como o devandito contrato– que faciliten o acompañamento educativo dos menores.

Tal e como explicou a directora xeral, o benestar dixital implica “convivencia, igualdade e protección”. Isto é, non se trata só de reducir tempos diante das pantallas, senón que é necesario que o alumnado aprenda a relacionarse coa tecnoloxía dunha maneira segura e equilibrada e a convivir cos demais no espazo dixital. Para iso, a Consellería de Educación traballa a través deste plan para dotar aos rapaces das competencias necesarias para identificar condutas que poidan vulnerar tanto os seus dereitos como os dos compañeiros.

A Estratexia Galega de Convivencia Escolar xa incorporou esta dimensión, situando a prevención e a intervención ante o ciberacoso e as novas formas de violencia dixital dentro da resposta do sistema educativo; e o Plan Integral de Benestar Dixital crea as condicións para previlo, formando ao alumnado e acompañando aos centros e ás familias.

Lei de educación dixital

A directora xeral referiuse á nova lei de educación dixital como un paso máis para regular, establecer dereitos, garantías e regras claras nos desafíos que as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial supoñen xa no día a día dos centros educativos, tendo en conta ademais a opinión das familias, que demandan un uso equilibrado.

Para a súa elaboración, a Xunta contou coa participación de persoas expertas, profesorado e colectivos profesionais, familias, dirección dos centros, inspección educativa, organizacións sindicais, universidades e Consello Escolar de Galicia. Ademais, no proceso de consulta pública previa recibíronse 660 achegas e opinións que serviron para enriquecer o texto.

“Queremos que Galicia siga avanzando na transformación dixital do ensino, pero queremos facelo cun criterio inequívoco, o de que a tecnoloxía debe estar ao servizo da educación e nunca a educación ao servizo da tecnoloxía”, salientou a representante da Xunta, sinalando que a convivencia, a seguridade e o dereito do alumnado a convivir en igualdade deben guiar sempre as decisións educativas neste ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026