A Xunta dá a coñecer o seu servizo Quérote+ aos estudantes universitarios ao inicio do curso

O Goberno galego dispón mesas informativas e desenvolve obradoiros sobre as relacións de bo trato nos sete campus da comunidade

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, indicou que uns 4.450 mozos descubriron o labor deste recurso nas xornadas de benvida o pasado ano

A Coruña, 17 de setembro de 2026

A Xunta dá a coñecer nos campus universitarios galegos o servizo Quérote+ neste inicio do curso a través de mesas informativas e da organización de obradoiros nos que se abordan as relacións de bo trato, igualitarias e respectuosas.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, destacou esta mañá, durante a súa visita ao campus de A Coruña, a importancia de achegar este servizo á poboación universitaria nestes primeiros días de actividade lectiva e lembrou que en anos anteriores, tras coñecelo por esta vía, os estudantes fixeron uso deste recurso tanto de forma presencial como en liña ou por videochamada.

No pasado curso, indicou a directora xeral, arredor de 4.450 mozos coñeceron o labor do servizo Quérote+ nas xornadas de benvida universitarias. Este ano, os puntos informativos e os obradoiros deste recurso da Xunta xa pasaron polos campus de Ourense, Pontevedra, Vigo e, hoxe mesmo, A Coruña e Ferrol. Na vindeira semana estarán tamén nos campus de Santiago e de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026