O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visita o centro da cidade herculina

Educación anuncia un investimento de 2 M€ para a rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe de Prácticas

A Xunta asume en solitario esta intervención, malia que o edificio é titularidade da Universidade da Coruña e o mantemento corresponde ao Concello

A intervención, cuxas obras comezarán no próximo verán, inclúe o cambio de cubertas, fiestras e portas, así como a reparación das fachadas, entre outras melloras

O conselleiro urxe á UDC que asine a renovación do acordo de cesión de espazos deste colexio para poder acometer a reforma

Vaise enviar un técnico á maior brevidade posible para analizar as necesidades máis prioritarias e urxentes e poñer en marcha intervencións puntuais en aras de garantir a máxima seguridade

Esta obra eleva a 26 M€ o investimento do Goberno galego na mellora de arredor de 40 centros da cidade ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

A Coruña, 17 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou esta mañá un investimento de 2 M€ na rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe de Prácticas, na cidade herculina. Nunha visita ao centro, na que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, sinalou que o Goberno galego asume esta intervención en solitario, malia que as instalacións son titularidade da Universidade da Coruña e o seu mantemento, por ser un centro de Educación Infantil e Primaria, corresponde ao Concello.

A previsión é contratar o proxecto neste mesmo mes de setembro para poder licitar a obra no segundo trimestre de 2027 e iniciala no verán do vindeiro ano. O prazo de execución estimado ronda os 12 meses, polo que se prevé ter rematada a rehabilitación no inicio do curso escolar 2028/29. En todo caso, é necesario que a Universidade da Coruña asine canto antes a renovación do acordo de cesión de espazos deste centro que posibilita o uso público educativo destas instalacións, para así poder acometer esta intervención integral.

Con todo, o conselleiro sinalou que, á maior brevidade posible, se vai enviar un técnico ao colexio para analizar as necesidades máis prioritarias e urxentes e poñer en marcha intervencións puntuais en aras de garantir a máxima seguridade.

Renovación completa

Tal e como explicou, a obra ten como obxectivo a reforma integral do centro. Isto contempla a renovación completa das cubertas planas, incluído a impermeabilización, cambio de sumidoiros e renovación da rede de pluviais; así como a limpeza, reparación, impermeabilización, illamento térmico e pintado das fachadas respectando os criterios de respecto ao valor patrimonial do edificio.

A maiores, mudaranse as fiestras e portas actuais por unhas novas de madeira recuperando a tipoloxía das fachadas históricas, dado que as carpinterías actuais son de aluminio. Xa dentro do edificio, restauraranse as carpinterías interiores e modernizarase a instalación eléctrica, entre outras actuacións.

Edificio singular

A intervención neste centro supón unha obra moi ambiciosa sobre un edificio deseñado a mediados do século pasado polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez como Escola Normal de Maxisterio. Isto implica unhas esixencias desde o punto de vista arquitectónico e patrimonial que é necesario respectar e, de feito, a rehabilitación contempla a recuperación de moitos elementos orixinais que co tempo se foron deturpando.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que este tipo de obras requiren un estudo e planificación máis exhaustivo ca outras que se realizan en edificios que non son tan singulares. En todo caso, cualificou esta intervención como un compromiso cumprido por parte da Xunta, que se comprometera a analizar as necesidades e a elaborar un proxecto acaído ás particularidades do Colexio Plurilingüe de Prácticas.

Compromiso coa cidade

Román Rodríguez reiterou, ademais, o compromiso da Xunta coas instalacións educativas da cidade da Coruña. De feito, a actuación neste centro eleva a 26 M€ o investimento que o Goberno galego está a facer, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, na reforma e mellora de arredor de 40 colexios e institutos da urbe.

Neste momento están en execución catro obras de gran envergadura, en concreto no Centro Integrado de FP Imaxe e Son, no Instituto Ramón Menéndez Pidal, no Centro Integrado de FP Ánxel Casal e no Colexio Sal Lence, que suman un investimento total de case 4,6 M€. Todas elas compatibilízanse coa actividade lectiva con todas as medidas de seguridade, seguindo os criterios técnicos.

Ademais, a Consellería de Educación executou durante o período estival actuacións de pequena e mediana envergadura ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola. Na cidade da Coruña desenvolvéronse obras en 13 centros educativos, cun investimento de máis de 170.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026