O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presenta o proxecto do que será o primeiro centro de Secundaria do Pereiro de Aguiar

O novo Instituto Padre Feijóo terá máis de 5.500 m² e aulas para un máximo de 370 alumnos

O titular do departamento educativo da Xunta destaca a importancia desta nova infraestrutura, que sae mañá a licitación, cun investimento de máis de 11 M€, para mellorar os servizos públicos dos veciños deste concello

Recorda que a Xunta traballa na creación de prazas educativas nas zonas con máis crecemento demográfico, de tal forma que o ano que vén estarán en construción tres novos en toda Galicia cun investimento total de máis de 40 M€

O instituto distribuirase en cinco volumes adaptados á orografía da parcela e terá un deseño moderno e flexible, en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 16 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto de construción do Instituto Padre Feijóo, que será o primeiro centro de Secundaria do concello do Pereiro de Aguiar e no que a Xunta investirá máis de 11 M€. Tal e como sinalou, o centro contará con máis de 5.500 m² de superficie construída, entre os propios edificios e os espazos exteriores cubertos, e estará dotado con oito aulas de ESO e catro de Bacharelato, o que supón unha capacidade máxima de 370 alumnos, tendo en conta que aplicará xa a redución de ratios en 1º de ESO no curso de apertura do centro. Mañá sae a licitación da obra no portal de contratación, polo que a previsión é comezala a inicios de 2027 e que estea lista para o curso 2028/29.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; destacou a importancia desta nova infraestrutura para mellorar os servizos públicos dos veciños deste concello ourensán. De feito, os rapaces que residen nel ata agora teñen que desprazarse a outras localidades lindeiras para ir ao instituto. O Pereiro de Aguiar conta cun colexio público, o Plurilingüe Ben-Cho-Shey, no que o Goberno galego está a investir máis de 1,9 M€ nunha obra de ampliación.

Neste sentido, Román Rodríguez lembrou que a Xunta está a traballar na creación de prazas educativas nas zonas con máis crecemento demográfico como é o caso deste concello ou da construción dun novo colexio, o CEIP Gerardo Fernández Albor en Ames ou no novo Instituto Domingo Villar, no vigués barrio de Navia.

O conselleiro destacou que estes centros “están, todos eles, deseñados en base á folla de ruta do Goberno galego para a modernización das instalacións educativas, o Plan de nova arquitectura pedagóxica”, sinalou, indicando que se trata de “instalacións que se adaptan á contorna natural, o que neste caso é especialmente relevante, dada a orografía da parcela; ao tempo que edificios con espazos interiores flexibles, que se poden xuntar ou dividir en función das necesidades educativas de cada momento e incluso con espazos polivalentes, como o foro, para fomentar a convivencia da comunidade educativa”.

Deste xeito o vindeiro ano estarán en construción en Galicia tres novos centros educativos, neste concello, en Ames e en Vigo, un colexio e dous institutos cun investimento total de máis de 40 M€. Román Rodríguez destacou que serán “instalacións á vangarda que, de seguro, serán un modelo de referencia en canto a infraestruturas educativas do século XXI”.

Adaptado á contorna

O novo instituto terá dúas liñas de ESO e dúas liñas de Bacharelato e contará tanto con aulas de clase como de desdobre, especializadas –maker, laboratorios, de música, tecnoloxía e de plástica e debuxo–, así como con seminarios, aseos, despachos e todo tipo de espazos administrativos e para as necesidades da comunidade educativa. Os espazos dos edificios ocupan unha superficie de máis de 4.800 m² e os exteriores cubertos outros 740 m². Ademais, haberá amplas zonas verdes, dado que a superficie total da parcela é de 20.000 m².

O IES Padre Feijóo asentarase sobre unha ladeira, cun deseño que reduce o impacto visual na contorna visual, ao tempo que se garante unha accesibilidade universal. O instituto organizarase en cinco edificios, catro deles de dúas plantas e o quinto configurado como un espazo a dobre altura para ximnasio. Todos eles estarán vinculados por un corredor que os atravesará e unirá en forma de espiña de peixe.

O acceso principal situarase no patio central do conxunto, reducindo as distancias, facilitando os desprazamento rápidos e eliminando os largos percorridos por corredores. A organización espacial do conxunto realizarase en función dos usos de cada estancia. Deste xeito, nos andares baixos e arredor da entrada principal e do gran vestíbulo multifuncional concentraranse os espazos de carácter administrativo, a biblioteca, a aula de música e a cafetería. Todas elas son estancias que poden usarse fóra do horario lectivo. Os espazos con maior carga de usuarios situaranse na fronte dos edificios, en relación co exterior, separados polo eixo en espiña de peixe dos que teñen menor circulación, que se disporán na parte traseira.

Os andares altos destinaranse a zona de aprendizaxe. Dos catro bloques, con cadanseu acceso cara ao exterior, tres destinaranse a aulas de clase, mentres que o cuarto concentrará as aulas especializadas (por exemplo a de debuxo). Cada bloque de aulas concentrará o curso completo (1º de ESO, 2º de ESO...), cun total de catro espazos, en concreto dúas aulas de clase, unha de desdobre e un aseo. As aulas de clase serán lindeiras entre si, cun tabique móbil medianeiro, de tal forma que a totalidade dos alumnos de cada curso poidan agruparse nun espazo de maior superficie. O foro será o espazo central a todas as aulas e desde el accederase ao restos das estancias, que terán tamén tabiques móbiles cara ao foro para poder abrirse a el.

O ximnasio ocupará o quinto edificio, dado que precisa menor interacción co resto dos espazos e conta cunha necesidades particulares e diferentes ás do resto do conxunto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026