A Xunta avoga por que administracións, empresas e cidadanía realicen un esforzo conxunto para avanzar cara a unha economía circular

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participaron esta mañá na II Xornada de Economía Circular

Vázquez referiuse á importancia que teñen tanto os recursos renovables como os proxectos de economía circular para lograr unha industria competitiva que cree emprego e riqueza e sexa sustentable desde un punto de vista ambiental, económico e social

Aboal incidiu na importancia de iniciativas como o proxecto para a valorización sostible das masas de frondosas caducifolias de Galicia

Pontevedra, 5 de abril de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participaron esta mañá na II Xornada de Economía Circular que se celebrou en Pontevedra.

No marco deste evento, o secretario xeral avogou por un esforzo conxunto entre Administracións, tecido empresarial e ciudadanía para avanzar cara a unha economía circular e alcanzar os obxectivos marcados nos distintos plans de acción tanto a nivel europeo como estatal.

Neste sentido, ratificou a decidida aposta do Goberno galego que se materializa en medidas a favor do fomento da economía circular. Ao respecto referiuse á importancia que teñen tanto os recursos renovables como os proxectos de economía circular para lograr unha industria competitiva que cree emprego e riqueza e sexa sustentable desde un punto de vista ambiental, económico e social.

Por este motivo, lembrou que a Xunta somete todos os proxectos industriais que se queren implantar na Comunidade a unha tramitación rigorosa e garantista sometida a unha normativa ambiental moi exixente que garante que as iniciativas que se autoricen cumpren con todos os requisitos necesarios. Por iso, pediu responsabilidade e rigor técnico á hora de facer valoracións sobre os mesmos.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal resaltou durante a súa intervención as cifras que caracterizan a ampla superficie forestal da nosa comunidade, na que sobresaen datos como as 620.000 hectáreas de frondosas caducifolias ou as 420.000 hectáreas de coníferas.

No marco destes datos, salientou o proxecto para a valorización sostible das masas de frondosas caducifolias de Galicia, deseñado pola Axencia Galega da Industria Forestal, que recolle once accións orientadas ao aproveitamento de masas de pequeno porte e baixa calidade, de forma que, a través de operacións silvícolas, poidan converterse en masas con madeira de alta calidade.  

De seguido, expuxo a importancia que acadan os taninos -substancias naturais que se atopan en todas as partes das árbores- no sector económico e industrial, debido ao alto valor que acada a nivel mundial a súa comercialización. Estas substancias poden ser hidrolizables -procedentes do castiñeiro e o carballo-, condensados -da cortiza de piñeiro- e complexos -proveñen do carballo e o castiñeiro-; son empregadas en industrias tan básicas como a alimentaria, a farmacéutica, a dietética ou a alimentación animal.

Jacobo Aboal incidiu en que a industria da madeira xoga un papel fundamental no desenvolvemento sostible de Galicia e que, ademais, representa unha das principais fontes de riqueza e emprego no rural, configurando a nosa comunidade como unha potencia dentro dos planos nacionais e europeo.

Data de actualización: 05/04/2024