A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, presentou esta mañá a programación para este ano

A Xunta presenta a campaña de verán para o ano 2024 cun novo récord de prazas: máis de 11.500

Son 300 prazas máis que na pasada edición, cando xa se bateran todos os récords

Desde hoxe mesmo pódese consultar toda a oferta de campamentos na páxina web de http://xuventude.xunta.es

O prazo para solicitar praza abrirá o vindeiro 17 de abril, logo da súa publicación no DOG, e permanecerá aberto ata o día 30

Inclúense varias novidades como catro novos campamentos, seis novos campos de voluntariado e un novo programa de ocio alternativo para mozos de entre 18 e 30 anos

Bergondo (A Coruña), 8 de abril de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García, presentou esta mañá a programación da campaña de verán para este ano 2024 que contará cun novo récord de prazas: serán máis de 11.500, 300 máis que na pasada edición. Ademais, contará con novas instalacións e actividades que lle permitirá á xuventude vivir ‘O teu mellor verán’, tal e como recolle o lema deste ano. 

Entre as novidades destacan catro novos campamentos: en Boiro, de índole artístico; no Monte do Gozo (Santiago), que terá como temática a música; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e tamén un novo campamento en Allariz, no Centro de Formación Valverde. Incluirase tamén unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que volverá a contar con 250 prazas. 

Con respecto aos campos de voluntariado, crearanse seis novos: cinco de carácter nacional: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e en Ponteareas (Pontevedra); e outro de carácter internacional, na Merca (Ourense). Tamén se repetirá o campo de voluntariado específico para persoas galegas no exterior no Castro de Viladonga (Castro de Rei). 

Novo programa de ocio alternativo

Ademais, impulsarase un novo programa de ocio alternativo, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos en cinco instalacións de toda Galicia de xoves a domingo. Terá lugar nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz ou no albergue montañas de Trevinca (A Veiga). 

Esta oferta compleméntase cos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ cuxa oferta se dará a coñecer máis adiante; e cos intercambios con outras comunidades autónomas. Neste respecto, á oferta tradicional sumaranse novos campamentos en Estremadura e en Castela a Mancha, con temática teatral e que terá lugar no albergue de San Servando, en Toledo. 

Apertura de prazo

O Diario Oficial de Galicia publicará a oferta de campamentos o vindeiro 16 de abril. A partir do día seguinte —do mércores 17— e ata o 30 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar praza. Os campamentos deberán solicitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mentres que os campos de voluntariado faranse a través dun formulario na páxina web de Xuventude. 

A oferta con todos os campamentos de verán dispoñibles poderase consultar desde hoxe mesmo na páxina web de Xuventude. Deste xeito, as familias e os rapaces poden planificar as súas datas e destinos favoritos. 

Apertura da piscina en Marina Española

Fabiola García presentou esta nova oferta no albergue xuvenil Marina Española, unha das instalacións máis demandadas e con máis historia que tamén contará este ano cunha novidade moi agardada. Logo de doce anos pechada, os mozos que acudan a este campamento poderán volver desfrutar da súa emblemática piscina. O Goberno galego destinou as obras de mellora un orzamento de 370.000 euros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/04/2024