Especialistas da Xunta e do Goberno canario intercambian en Galicia coñecementos e experiencias en materia de extinción de incendios forestais

O persoal insular está a coñecer polo miúdo, ao longo desta semana, as instalacións, protocolos e medios do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) de Galicia

Ademais, realizan prácticas conxuntas cos seus colegas galegos en materia de manexo de motobombas e das novidosas unidades batracio, creadas e desenvolvidas de xeito pioneiro polo dispositivo da nosa comunidade

Terán tamén coñecemento sobre o funcionamento e operatividade dos helicópteros do dispositivo galego e participarán conxuntamente cos profesionais da nosa comunidade en manobras de emprego de lume técnico, usado en queimas prescritas

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

Un grupo de profesionais dos Equipos de Intervención y Refuerzo en Incendios Forestales (EIRIF) do Goberno das Illas Canarias atópase esta semana de visita en Galicia, para intercambiar coñecementos e experiencias con persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta.

A estancia desta unidade especializada en extinción de lumes está sendo coordinada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, e permitirá aos profesionais canarios coñecer polo miúdo instalacións, protocolos e medios do SPIF galego.

A súa primeira xornada de traballo, onte luns, estivo centrada na reconstrución de incendios forestais históricos e no coñecemento do dispositivo da Xunta e do Sistema estrutural de mando operativo (Semop). Ademais, os representantes da EIRIF canaria visitaron o Centro de Coordinación Central de loita contra o lume, situado en San Lázaro e realizaron prácticas conxuntas cos seus colegas galegos no manexo das unidades chamadas “batracio”. Estes equipos, ideados e desenvolvidos de xeito pioneiro polo persoal do SPIF, están formados por tractor, cisterna, trituradora multifunción e polidozer -lámina multifunción- e teñen unha gran versatilidade no combate e defensa fronte os incendios.

Prácticas conxuntas

O programa de hoxe martes e do resto da semana inclúe actividades como as prácticas conxuntas sobre manexo de auga con vehículos motobomba ou a visita a unha base aérea da Xunta, para coñecer de primeira man o funcionamento e operatividade dos helicópteros de extinción e coordinación do dispositivo galego.

A maiores, o equipo canario participará, de xeito conxunto con persoal técnico, axentes e bombeiros forestais da Consellería do Medio Rural, en manobras de emprego de lume técnico, utilizado en queimas prescritas.

Este tipo de encontros, a nivel técnico e operativo, constitúense como experiencias altamente enriquecedoras para as entidades participantes, favorecendo o intercambio de coñecemento e experiencias entre o persoal de ambos dispositivos e a posta en común de solucións ante problemáticas similares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2024