A Xunta destaca o potencial de crecemento da empresa Alén Space, nacida ao abeiro do programa Ignicia

A directora da Axencia Galega de Innovación visitou en Nigrán a compañía que está a participar no proxecto Sateliot e nunha misión da Axencia Espacial Europea

O programa Ignicia apoiou 32 proxectos, a creación de 10 spin-offs, que permitiron a creación de 129 empregos, e a captación de preto de 20 M€ en investimento público-privado, ademais doutras actuacións de valorización do coñecemento

Nigrán (Pontevedra), 10 de abril de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá as instalacións da spinoff Alén Space, nacida co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, e dedicada á fabricación de pequenos satélites e servizos para o desenvolvemento de misións completas con CubeSats. O obxectivo da visita, durante a cal percorreron os distintos laboratorios cos que conta a compañía, era coñecer de primeira man os últimos avances e perspectivas de crecemento da empresa.

A compañía ultima nas súas instalacións de Nigrán a posta a punto dos catro pequenos satélites de última xeración que formarán parte da primeira fase da constelación de Sateliot. Esta será a primeira constelación comercial de satélites de órbita terrestre baixa (LEO) baseada en tecnoloxía 5G para Internet das Cousas (IoT).

Este proxecto, que executou o deseño e fabricación de catro satélites de maneira simultánea, representa un fito para esta compañía que naceu como spinoff da Universidade de Vigo ao amparo do programa Ignicia. A posta en órbita dos satélites está prevista para este verán e realizarase a bordo dun foguete de SpaceX desde a Base da Forza Espacial de Vandenberg, situada en California (Estados Unidos).

O obxectivo deste proxecto de Sateliot é dotar de conectividade global e continua a todos os elementos que compoñerán o universo do IoT baixo o protocolo 5G, entre eles, as compañías de telecomunicacións, xa que proporciona a infraestrutura necesaria para estender a súa cobertura onde as redes terrestres non alcanzan. O lanzamento destes catro CubeSats conforma a primeira fase do ambicioso proxecto de Sateliot, que planea contar con 108 satélites en órbita nun prazo de catro anos.

Outro dos proxectos innovadores nos que participará a empresa de Nigrán é a misión LEO-PNT da Axencia Espacial Europea (ESA). Alén Space será un dos socios principais do consorcio de empresas que deseñarán e despregarán este proxecto, liderado pola multinacional tecnolóxica GMV, á que pertence a empresa galega desde mediados do pasado ano.

O obxectivo desta misión é desenvolver tecnoloxías clave e demostrar os beneficios que supoñen os satélites de órbita terrestre baixa (LEO) en servizos de posicionamento, navegación e sincronización (PNT). A misión LEO-PNT inclúe o desenvolvemento e lanzamento dunha constelación formada por cinco satélites.

O programa Ignicia

O Programa Ignicia é unha iniciativa singular e pioneira en España, que contribúe desde 2016 á transformación do modelo económico en Galicia, como mostran as súas cifras de balance. Destaca o apoio do programa a 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs creadas e 3 acordos coa industria), a creación de 129 empregos polas spinoffs creadas ou a captación de preto de 20 millóns de euros en investimentos e financiamento público-privado.

Ademais, actualmente hai uns 200 profesionais formados en transferencia de coñecemento en Galicia a través do Programa Ignicia por medio de ciclos formativos específicos, ademais de facilitarlles asesoramento para a solicitude do certificado RTTP (Registered Technology Transfer Professional), o estándar internacional que acredita a competencia e experiencia dos profesionais da transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Galicia é a comunidade con máis profesionais de xestión de transferencia que contan coa acreditación RTTP, sumando actualmente unha vintena.

Ignicia é un programa que actúa de xeito integral na valorización do coñecemento, abordando o financiamento e tamén outros aspectos como a formación e profesionalización de persoas investigadoras e xestoras de transferencia, o fortalecemento das estruturas dedicadas a esta labor, a promoción e visibilización das capacidades e a monitorización de indicadores e resultados. Neste sentido, actualmente estase a traballar en varias actuacións que cobren toda a cadea de valor do laboratorio ao mercado, como mecanismos de financiamento que atendan as necesidades de transferencia en etapas máis iniciais, experiencias de compartición de servizos entre diferentes axentes, o deseño dunha oficina de transferencia de coñecemento de Galicia que poida valorizar proxectos de todo o ecosistema de innovación, un plan de viabilidade para a creación dunha oficina de transferencia especializada en materiais e proximamente presentarase a nova metodoloxía de identificación e valorización de patentes, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2024