Galicia rexistrou preto de 47.100 raios en 2023, un 66 % máis que o ano anterior

O día con maior número de raios detectados foi o 9 de setembro, cando se detectaron 10.204 descargas

Por provincias, Lugo rexistrou o 34% do total rexistrado, seguida de Ourense -28%-, Pontevedra -20%- e A Coruña -18%-

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2024

Galicia rexistrou 47.099 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior, o que o converte no segundo ano con máis descargas eléctricas da serie ao estar só por detrás dos 47.937 detectados en 2017.

Máis polo miúdo, houbo 77 días de treboada, destacando o mes de xuño con 15 días; maio, con 13, e setembro, con 12. Así, o mes de xuño destaca con 16.640 raios, o 35% do total do ano, mentres que, en setembro e maio, se rexistraron 13.675 e 13.583, respectivamente.

Por outra banda, o día con maior número de raios detectados foi o 9 de setembro, cando se detectaron 10.204 descargas. Nesa xornada, Galicia atopábase baixo a influencia dunha extensa zona de baixas presións relativas en superficie acompañada por unha depresión en altura ao noroeste da Península. Esta situación derivou nunha elevada inestabilidade atmosférica, ao ter lugar nunha época do ano na que en superficie as masas de aire aínda son moi cálidas.

Por provincias, Lugo rexistrou o 34% do total rexistrado, seguida de Ourense -28%-, Pontevedra -20%- e A Coruña -18%-. Neste senso, cómpre lembrar que MeteoGalicia conta desde finais de 2009 cunha rede de detección de descargas eléctricas nube-terra que permite a monitorización de treboadas en tempo real. A maiores, o sistema tamén permite estimar as posibles evolucións a moi curto prazo destes fenómenos.

A rede está composta por 4 detectores de raios: no Alto do Rodicio (Ourense), Castro Ribeiras de Lea (Lugo), Mabegondo (A Coruña) e Vigo Campus (Pontevedra).

En canto á radiosondaxe, cómpre indicar que se trata dun método de exploración da atmosfera que permite coñecer a estrutura vertical desde o chan ata unha altura de 25 km por medio da medida das principais variables termodinámicas (temperatura, humidade e presión). Lánzase unha vez á semana -os martes- ás 9,00 horas, aproximadamente.

Ao longo do ano 2023, as medidas evidenciaron que a altitude da tropopausa -zona de transición entre a troposfera e a estratosfera- variou entre os 10 km en febreiro e os 14 km en agosto, mentres que a do cero térmico oscilou entre 2 km (xaneiro) e 5 km (agosto). A nivel anual, a altura media da tropopausa achouse en 12,1 km e a do cero térmico a 3,2 km. Considerando a evolución de ditas variables, non se aprecian tendencias desde o comezo dos lanzamentos (ano 2011).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2024