A Xunta forma o seu persoal técnico encargado da dirección de obra forestal en materia de prevención de incendios

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

O persoal técnico da Xunta encargado da dirección de obra forestal en materia de prevención de incendios está recibindo formación por parte de especialistas da Dirección Xeral de Defensa do Monte. É a través dun curso eminentemente práctico de 50 horas de duración no que participan técnicos dos distritos forestais, servizos provinciais e centrais desta dirección xeral, así como da de Planificación e Ordenación Forestal.

A parte teórica impartiuse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na localidade pontevedresa da Estrada, e entre as visitas de campo realizouse unha á futura base transfronteiriza de medios aéreos en Verín-Oímbra, na provincia de Ourense.

A iniciativa formativa estruturouse en tres módulos. Un sobre conceptos técnico-xurídicos, outro arredor das tarifas públicas de prezos e un terceiro relacionado con temas específicos de obras forestais, tales como repoboacións, tratamentos silvícolas ou mellora de infraestruturas e construción de depósitos de auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2024