A Xunta impulsa en Madrid a divulgación da cestería e da marca Artesanía de Galicia

A través da Fundación Artesanía de Galicia, apóianse tres cursos de ‘Cestería con cables de cores’ impartidos pola cesteira Belén Martínez, de Casa Atlântica, entre o sábado e o domingo no espazo Cocol Madrid

Madrid, 12 de abril de 2024

A Xunta continua coa súa aposta pola divulgación da Artesanía de Galicia dentro e fóra da Comunidade, a través de diferentes iniciativas para achegarlle as técnicas e os oficios artesanais á sociedade. Neste sentido, apoia a organización esta fin de semana de tres cursos dedicados á cestería con cables de cores, impartidos pola cesteira Belén Martínez, do obradoiro Casa Atlântica (Redondela), na tenda Cocol Madrid (Costanilla de San Andrés, 18).

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitará mañá esta iniciativa, na que a artesá rescata técnicas artesanais de cestería para decorar un garrafón utilizando coloridos cables de cores.  Os 32 participantes trenzarán a peza desde cero, aprendendo sobre os materiais e ferramentas que precisan e como preparalos, así como a crear  patróns únicos, diferentes técnicas de trenzado e as posibilidades que estas ofrecen.

Cocol Madrid é unhas das tendas de referencia en Madrid de comercialización de artesanía española que aposta polo apoio aos oficios tradicionais. Na actualidade, comercializa pezas da marca Artesanía de Galicia dos obradoiros Alfarería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños), coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada), tecidos de Pal.lium (Cangas), cestería de La Parabólica (O Porriño), pezas de madeira torneada de Aitor. (Tomiño), produtos de marroquinería de Jatafarta (Santiago de Compostela), e pezas de madeira de Carballo Estrela (Pontevedra).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2024