Portos de Galicia licita por máis de 1,4 millóns de euros as obras de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove, en Cambados

Os traballos permitirán dotar ao edificio dunha nova zona para a limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove, no municipio pontevedrés de Cambados. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 1.377.000 euros, IVE incluído.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo ata o día 2 de maio para presentar as súas ofertas.

As obras previstas consisten ampliación do edificio actual cara o noreste, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación. Ademais redistribuiranse os espazos na planta baixa destinada a oficinas.

O novo espazo ampliado terá unha superficie de aproximadamente 300 metros cadrados continuando a cuberta existente e incluirá unha pequena zona abrigada que sirva para acoller a carga e descarga de mercadorías nos camións. Con isto elimínase do actual espazo da lonxa a zona de limpeza, o almacén de caixas e a cámara frigorífica.

O proxecto inclúe tamén o acondicionamento da actual planta baixa modificando a distribución dos baños e a oficina da confraría e dispoñendo unha zona de vestiario e aseos así como outra de almacén para carretillas. Así mesmo, a oficina de inspección sanitaria substitúese por unha de atención aos clientes. Finalmente, na zona central da lonxa créase un espazo para a pesada do peixe e outro para o marisco e o quiosco destinado a oficinas substitúese por un novo elemento móbil.

Data de actualización: 12/04/2024