A Xunta axuda con 50.000 euros a varias protectoras de animais do Salnés

O delegado territorial visitou o refuxio da Asociación Protectora de Animais de Cambados, que recibiu unha achega de máis de 23.000 euros

O total investido nestas axudas na provincia de Pontevedra é de preto de 110.000 euros

Agustín Reguera agradeceu o traballo desinteresado dos voluntarios que día a día destinan o seu tempo libre ao coidado dos animais

Cambados (Pontevedra), 12 de abril de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o refuxio da Asociación Protectora de Animais de Cambados, que recibiu o ano pasado tres axudas que suman máis de 23.000 euros para o coidado dos animais domésticos de compañía abandonados.

Trátase dunhas axudas coas que a Xunta busca apoiar ás asociacións que de, forma desinteresada, invisten tempo e recursos en mellorar a vida destes animais e buscarlles unha nova familia, nos casos en que isto é posible.

Así, a Xunta destinou preto de 110.000 euros para as protectoras da provincia de Pontevedra, dos cales preto de 48.000 quedaron en entidades da comarca do Salnés.

O delegado territorial aproveitou a visita para agradecer o “imprescindible traballo” que levan a cabo todos os voluntarios que “deciden de forma desinteresada dedicar boa parte do seu tempo a protexer e coidar a uns animais indefensos que, en moitos casos, pasaron por experiencias difíciles antes do seu abandono”.

Reguera rematou a visita lembrando que “todos os concellos deben facer un esforzo por tratar de evitar que existan animais domésticos abandonados”, un labor que asegurou que é "difícil, pero moi necesario".

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2024