A Xunta activa unha nova edición do Bono Activa Comercio dotada con 2,5 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a quinta edición desta iniciativa, que permitirá mobilizar 12 M€ en compras nos establecementos de proximidade

Os negocios que desexen participar no programa poderán adherirse a partir de mañá, mentres que cada cidadán poderá descargar un bono desconto de ata 30 euros a partir do próximo 26 de abril

Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance o orzamento da convocatoria

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2024

A Xunta activa hoxe, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a quinta edición do Bono Activa Comercio, unha iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros coa que se prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector. 

Os negocios que desexen participar nesta iniciativa poderán adherirse a partir de mañá, 16 de abril, mentres que as persoas consumidoras poderán descargar a partir do próximo 26 de abril na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. 

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. 

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Data de actualización: 15/04/2024