O conselleiro de Sanidade reafirma o seu compromiso coa calidade e co coidado dos pacientes no seu acto de presentación no edificio administrativo do Sergas

Antonio Gómez Caamaño recoñece a súa ilusión tras tomar posesión como titular da carteira sanitaria do Goberno galego

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, transmitiu a súa “ilusión” no seu acto de presentación desta mañá no edificio administrativo do Sergas despois de ter tomado posesión como membro do Goberno galego.

“Estarei aberto a escoitar a quen queira aportar no meu compromiso cunha sanidade pública de calidade”, trasladou Caamaño ante persoal da Consellería, os xerentes das sete áreas sanitarias do Sergas, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, presidentes de colexios profesionais, o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o seu predecesor no cargo, Julio García Comesaña, entre outras autoridades.

“Veño do ámbito asistencial e quero poñer o paciente no centro do sistema. E para coidar os pacientes hai que coidar tamén a quen coida ao paciente”, sinalou o conselleiro de Sanidade antes de referirse aos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Por último, Antonio Gómez Caamaño agradeceu o traballo do seu antecesor e  insistiu na motivación coa que toma a responsabilidade da Consellería de Sanidade: “Podemos mellorar. E se podemos, debemos mellorar”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2024