A Xunta recibe 2 ofertas para executar a renovación e instalación de iluminación na senda peonil da estrada PO-549, que comunica Vilanova e Vilagarcía de Arousa

A intervención, licitada por máis de 260.000 euros, permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 M€

Reporase a iluminación entre os quilómetros 2+600 e 5+230 e entre o 7+800 e 8, retirando os báculos existentes e colocando outros novos na marxe dereita da estrada

Cada punto de luz estará composto por unha columna de 9 metros de altura cunha luminaria de SETGA ou equivalente de 105 W de potencia

Disporase tamén de iluminación específica e reforzada nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos 3+400, 4+600 e 7+850, con 36 LED de alto rendemento

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024

A Xunta recibiu 2 ofertas para executar as obras de renovación e instalación de iluminación na senda da estrada PO-549, ao seu paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

Esta intervención, licitada por máis de 260.000 euros, permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 M€.

O obxectivo é a instalación de iluminación entre os puntos quilométricos 2+600 e 5+230 e entre os quilómetros 7+800 e 8, coa retirada dos báculos existentes e a colocación doutros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros.

Cada punto de luz proxectado está composto por unha columna de 9 metros de altura, de sección circular, en aceiro ao carbono cun brazo de 1 metro, no que se coloca unha luminaria de SETGA ou equivalente, de 105 W de potencia, con corpo de aluminio extruído.

Disporase tamén de iluminación específica nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos da PO-549: 3+400, 4+600 e 7+850, onde se proxecta a instalación de dous puntos de luz de reforzo para cada un dos pasos de peóns, con puntos de luz formados por columnas de ata 6 metros de altura, de estrutura cilíndrica en aceiro ao carbono, con brazo orientable, nas cales se instalarán luminarias, con 36 LED de alto rendemento.

No marco do contrato, inclúese a execución da canalización necesaria para a instalación do cableado e as actuacións complementarias de demolición de cimentacións de báculos existentes.

Tamén se reporá o pavimento na beirarrúa e na senda, así como os bordos que se vexan afectados por esta intervención.

Cómpre lembrar que a senda habilitada na PO-549, ao seu paso por Corón, financiada con Fondos React-UE, comprende un treito de 3,27 quilómetros, dos que os 500 primeiros metros se corresponden co termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Data de actualización: 16/04/2024