A Xunta subliña a necesidade de apostar pola sustentabilidade e a integración no territorio no desenvolvemento das redes eléctricas

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe os traballos de desmontaxe das liñas aéreas de alta tensión entre Narón e a subestación de Santa Mariña en Ferrol, realizados por UFD

Ferrol, 17 de abril de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe os traballos de desmontaxe das liñas aéreas de alta tensión entre o barrio da Solaina, en Narón, e a subestación de Santa Mariña en Ferrol, realizados por UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy.

O director xeral destacou a importancia de acometer actuacións que melloren a rede de distribución para a poboación,  ao tempo que subliñou que un axeitado desenvolvemento desta rede se debe facer desde criterios de sustentabilidade e integración no entorno. Pablo Fernández Vila incidiu en que resulta esencial investir na rede de transporte e redes de distribución para facer fronte aos novos retos dunha sociedade cada vez máis electrificada, con maiores necesidades de evacuación de enerxía, e que ten que facer fronte a desafíos como o do vehículo eléctrico.

No caso concreto da actuación que hoxe se visitou, sinalou que a mellora pasa pola eliminación dun tramo aéreo e a súa substitución por un tramo subterráneo, o que supón unha menor afección ambiental, especialmente paisaxística.

En concreto, UFD investiu un total de 4,6 millóns de euros para a desmontaxe de nove torres de alta tensión e a eliminación dun dobre tramo de circuíto aéreo de 1.600 metros. Está previsto que os traballos finalicen nas vindeiras semanas. A actuación tamén incluíu a construción dun novo tramo de liña subterránea de alta tensión de 2.600 metros que substitúe á liña desmontada, o cal foi posto en servizo o pasado mes de decembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2024