A Xunta inicia as obras de execución da depuradora de Foz, que suporá un investimento de 12,2 M€ e permitirá triplicar a poboación servida

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

Augas de Galicia vén de comezar os traballos previos para acometer a construción da estación depuradora de augas residuais de Foz. Así, estes días as tarefas consistirán no acopio do material necesario, así como no movemento de terras.

O obxectivo é executar unha nova depuradora de augas residuais e un tanque de tormentas, ademais de ampliar os bombeos e os colectores, para acabar coas deficiencias de funcionamento do sistema de saneamento municipal.

As intervencións previstas permitirán dotarse da capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando a chegada de turistas incrementa significativamente a poboación. Este conxunto de actuacións impulsadas pola Xunta permitirán triplicar a poboación servida e multiplicar por 9 a capacidade de tratamento.

Executarase unha nova depuradora en Caldouceiro cun caudal máximo de 700 m³/hora e capacidade para atender a 22.342 habitantes, con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.

Construirase tamén un novo tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, ao lado da actual depuradora, con capacidade para 1.000 m³ e dotado de 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal e funcionamento autónomo con envío de datos. Ademais ampliaranse o caudal e a capacidade dos bombeos actuais e disporanse de 4,7 quilómetros de novas conducións.

Os traballos terán un prazo de execución de 18 meses para a execución das obras e 12 para a posta en marcha da nova depuradora.

Data de actualización: 19/04/2024