A Xunta colabora na II Copa de Marcha Nórdica que se desenvolverá polo adarve da muralla de Lugo con récord de atletas, entre eles varios campións de España e de Europa

O evento ten un importante carácter solidario, xa que o 20 % do custo da inscrición se doará á asociación Somos Unidos Contra el Cáncer 

Lugo, 23 de abril de 2024

O adarve da muralla de Lugo acolleu esta tarde a presentación da II Copa Xunta de Galicia de Marcha Nórdica, que se celebrará o domingo neste mesmo enclave, nun circuíto que tamén pasará por algunhas zonas do centro de Lugo e que os atletas terán que cubrir cinco veces, para percorrer unha distancia total de 11.800 metros. Nesta segunda edición, que de novo contou coa colaboración da Xunta de Galicia, se inscribiron un total de 161 participantes, entre eles o campión de Europa, os campións de España masculino y feminino, o campión galego, e varios integrantes da selección galega. Esta competición enmárcase no denominado II Trofeo Terras do Miño, no que participarán unhas 240 persoas, e que inclúe outras probas deportivas, andainas e rutas turísticas pola contorna de Lugo e tamén polo casco histórico, para coñecer os tres monumentos Patrimonio da Humanidade.

A competición ten ademais un importante carácter solidario, xa que o 20 % do importe das inscricións se doará á asociación Somos Unidos Contra el Cáncer.   

Á presentación asistiron varias autoridades acompañadas por integrantes do club Nordic Walking Lugo e representantes da Federación Galega de Montañismo. Este evento non só ten importancia desde o punto de vista deportivo senón tamén polo que supón para a promoción turística da cidade de Lugo e da súa contorna. De feito, entre os atletas inscritos nestas probas, hai deportistas de toda Galicia, País Vasco, Madrid, Asturias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Porto, e o atleta navarro Pedro Romero, que entre outros títulos é campión de Europa. 

A competición, reservada unicamente para deportistas federados, se desenvolverá o domingo día 28, desde as 11.00 da maña, polo adarve da muralla, e con saída e meta na Praza Maior. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024