Neste evento, a conselleira do Medio Rural participou na entrega de sete premios do Campionato dos Mellores Queixos de España a outros tantos produtos galegos

A Xunta define o salón Gourmets como “un gran escaparate para demostrar o ben que sabe Galicia”

María José Gómez indicou que fomentar a participación dos produtores galegos neste tipo de espazos facilita darlle máis visibilidade aos produtos locais, propiciar o seu acceso aos mercados e crear sinerxías entre produtores, cociñeiros e consumidores

Puxo en valor o apoio do Goberno autonómico a este eido, con iniciativas como a Lei da calidade alimentaria ou un Plan de promoción dotado este ano con 9,5 millóns de euros de investimento

Así mesmo, referiuse ás campañas de promoción de produtos galegos con selo de calidade diferenciada en medios de comunicación e ás liñas de axudas convocadas dentro dese compromiso da Xunta coa potenciación destas producións

Madrid, 25 de abril de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a importante presenza galega na 37ª edición do salón Gourmets de Madrid, que -salientou- ten como principal obxectivo “dar a coñecer a nosa comunidade e a excelencia da súa gastronomía”.

A conselleira, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na entrega de sete premios do Campionato dos Mellores Queixos de España 2024 a outros tantos produtos galegos. Trátase dos queixos Barral, Dajosefa, Anzuxao, Mourelo, Savel, Fontelas e Don Crisanto. María José Gómez trasladou os seus parabéns a todos eles e amosouse moi honrada por ter a oportunidade de recoñecer a súa calidade persoalmente neste acto.

Neste contexto, a conselleira indicou tamén que fomentar a participación dos produtores galegos neste tipo de espazos -como Gourmets- permite xerar o caldo de cultivo necesario para darlle máis visibilidade aos produtos locais, facilitar o seu acceso a novos mercados e dar pé a sinerxías entre produtores, profesionais da cociña e consumidores. Así, subliñou que “este é un gran escaparate para demostrar o ben que sabe Galicia” tanto no sector da hostalería como cara o consumidor final.

Compromiso da Xunta co ámbito alimentario

Neste mesmo sentido, María José Gómez trasladou que o Goberno autonómico está totalmente comprometido co ámbito alimentario, ao que apoia a través de diferentes eixos, co fin de poñer en valor o sector primario galego e recoñecer o importante labor que desenvolven os miles de produtores da nosa comunidade.

Como mostra dese apoio, a conselleira lembrou en primeiro lugar a Lei da calidade alimentaria, que ten como principal obxectivo potenciar a singularidade e a diferenciación das producións agroalimentarias galegas, para mellorar ao máximo as condicións do sector.

Nesta liña, mencionou tamén o Plan de promoción dos produtos agroalimentarios galegos , que neste 2024 conta cun orzamento de 9,5 millóns de euros, un millón máis que no 2023, elaborado co obxectivo de aumentar o seu posicionamento, mellorar os seus prezos para que os produtores poidan conseguir mellores rendas e garantir a sustentabilidade económica de todos os elos da cadea de valor do sector alimentario.

En parecidos termos, a conselleira referiuse ás campañas de promoción de produtos galegos con selo de calidade diferenciada en medios de comunicación, destinadas a seguir potenciando a viabilidade desta actividade económica, asegurando a posibilidade de diversificar a produción e incidindo no futuro da terra.

Así mesmo, a titular de Medio Rural puxo de relevo as liñas de axudas convocadas dentro dese compromiso da Xunta coa potenciación dos selos de calidade diferenciada. Recordou, así que recentemente se convocaron 619.000 euros en axudas para financiar actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e para animar os titulares de explotacións agrarias a incorporarse aos diferentes réximes de calidade.

En relación coa promoción, a conselleira subliñou que investir neste eido “non só facilita a venda do produto, senón que exerce unha protección maior deste último amparando ao produtor”.

Presenza galega en Gourmets 2024

A Consellería do Medio Rural está presente nesta cita de Gourmets 2024 con 36 empresas galegas, que dispoñen dun espazo propio de 490 metros cadrados e representan unha ampla variedade da oferta alimentaria da nosa comunidade.

Galicia conta tamén cunha Aula de Experiencias de Calidade, na que se desenvolveron ao longo do certame diversas actividades, como demostracións de cociña e catas comentadas, co fin de promocionar e poñer en valor os produtos galegos amparados por un selo de calidade diferenciada. Ademais, organizouse un túnel de Mel de Galicia, onde se puido degustar o produto premiado nas Catas de Galicia de 2023 e desenvolvéronse diferentes obradoiros infantís, para familiarizar os máis pequenos con esta produción galega de calidade diferenciada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2024