O 97% do alumnado de cuarto de infantil obtén praza no centro educativo escollido como primeira opción tras a mellora das rateos

Este ano recibíronse un total de 14.379 solicitudes de nenos de tres anos, que se incorporan así ao sistema educativo, para as 21.137 prazas ofertadas

Trátase de datos provisionais, que se axustarán nos vindeiros meses en función das cifras finais de matrícula

O 100% do alumnado ten garantida praza nun centro sostido con fondos públicos

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024 O 97% do alumnado que solicitou praza en 4º de Educación Infantil –3 anos– nos centros educativos galegos para o vindeiro curso 2024/25 obtívoa no colexio escollido como primeira opción. Así se desprende dos datos provisionais do proceso de admisión tras as novidades introducidas este ano, coa mellora das rateos de 25 a 20 alumnos ao abeiro do acordo coas organizacións sindicais.

En total, recibíronse 14.379 solicitudes de nenos de tres anos para un total de 21.137 prazas ofertadas, co que se ocuparán o 68% e quedan baleiras a día de hoxe o 32%. Tan só un 3% destes alumnos non acadou unha praza no centro de primeira escolla, o que supón 430 alumnos en toda Galicia, fronte aos 13.949 nenos que si estudarán no primeiro centro escollido polas súas familias.

Polo tanto, as incidencias derivadas da mellora da rateo é mínima no que respecta á obtención de praza no centro de primeira escolla. O 97% consigue praza na súa primeira opción, chegando a ser máis do 98% en concellos como Ferrol, Santiago de Compostela ou Pontevedra. No cómputo xeral a suba da taxa de alumnos non admitidos no centro de primeira opción é de só 2,2 puntos porcentuais respecto do curso 2023/24.

Nos casos de máis demanda que oferta de postos, as prazas serán asignadas como sempre polos centros ou a comisión de escolarización de cada zona, segundo corresponda, en función do baremo aplicable a cada solicitude de admisión e atendendo aos centros de preferencia marcada, tal e como establece a normativa. Nos concellos cun único centro educativo, os nenos obterán praza no mesmo aínda que a demanda supere a oferta. Para iso adoptaranse as medidas que, de ser o caso, sexan precisas.

Calendario de matrícula

Estamos ao inicio do proceso de admisión, que se desenvolverá ata a matrícula en xuño/xullo en coordinación permanente coa Inspección Educativa, polo que os datos se irán axustando ata concluír o proceso. En todo caso, o 100% do alumnado ten garantida praza nun centro sostido con fondos públicos.

 

As listas definitivas de admitidos e excluídos publicaranse o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 de xuño ao 1 de xullo para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 8 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Os datos provisionais polas catro provincias son os seguintes:

Provincia

Solicitudes

Admitidos en 1ª opción

Porcentaxe de admitidos en 1ª opción

A Coruña

6214

5978

96,2%

Lugo

1552

1515

97,6%

Ourense

1369

1321

96,5%

Pontevedra

5244

5135

97,9%

Total

14379

13949

97,0%

 

Os datos polas sete principais cidades son os seguintes:

 

Concello

Solicitudes

Admitidos en 1ª opción

Porcentaxe de admitidos en 1ª opción

A Coruña

1456

1344

92,3%

Ferrol

319

314

98,4%

Santiago de Compostela

624

612

98,1%

Lugo

570

545

95,6%

Ourense

622

606

97,4%

Pontevedra

519

511

98,5%

Vigo

1620

1579

97,5%

Total

5730

5511

96,2%

Data de actualización: 25/04/2024